+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

O espectáculo infantil “A Orixe” de Raquel Queizás inaugura a semana cultural en Ponte Caldelas


A contacontos introduciu aos nenos e nenas que encheron por completo o Centro Cultural polas culturas musicais do mundo coa axuda dunha maleta viaxeira

O espectáculo infantil de contacontos protagonizado pola monologuista Raquel Queizás inaugurou as actividades organizadas polo Concello de Ponte Caldelas dentro da Semana Cultural. Baixo o título xenerico de “A orixe”, Queizás foi introducindo aos máis pequenos nas distintas culturas do mundo coa axuda dunha maleta viaxeira cargada de sons e instrumentos musicais que ía accionando para completar as súas historias.

Raque Queizás comezou a súa interpretación buscando a complicidade dos nenos e nenas cun espectáculo moi participativo ao que asistiron tamén o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e os tenentes de alcalde de AVP, Alfonso Gutiérrez, e o do BNG, Lito Muíños.

O primeiro mundo musical e sonoro descrito nas historias de Queizás foi o de África onde axudándose de sons característicos do continente africano os rapace ían adiviñando os instrumentos que ían soando e que amosaba aos cativos para o seu maior coñecemento.

Cambiando de rexistros na súa voz dun xeito continuo os rapaces foron aprendendo características das distintas culturas nos cinco continentes saltando da africana á chinesa e á americana e así sucesivamente, sempre coa axuda de sons característicos desas culturas milenarias para que os nenos e nenas foran disfrutando e participando dun espectáculo ao longo da súa duración.

Este espectáculo de Raquel Queizás chega a Ponte Caldelas dentro do programa “Ler conta moito” posto en marcha pola Xunta de Galicia co fin de achegar o interese pola letura aos máis pequenos a través de iniciativas divertidas e participativas onde os nenos se incorporan a través da complicidade co contacontos para facelos copartícipes da actividade.

Deja un comentario