+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Piñeiro analiza a situación deportiva da desescalada cos clubes de Moraña e acordan un prazo de agarda para os eventos do verán


“Hai competicións importantes previstas para xullo no programa do Carneiro e, aínda que vai ser difícil que se celebren, imos esperar”, dixo

A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, vén de manter unha xuntanza cos representantes dos clubes e organizacións deportivas do municipio no marco dos encontros que está a ter cos distintos colectivos e sectores en torno ao plan de desescalada da crise sanitaria do coronavirus e na mesma analizouse a situación de todos eles e acordouse abrir un período de agarda para tomar máis adiante unha
decisión definitiva sobre os eventos do verán.
Cómpre sinalar que Moraña acolle cada mes de xullo importantes competicións deportivas, como o Torneo de Fútbol do Carneiro ao Espeto, a Carreira Popular ou o Torneo de Básquet 3on3, nas que participan centos de deportistas e siareiros e que neste momento se atopan no aire polas restriccións sanitarias que esixen a distancia social e a prohibición de aglomeracións.
“Temos probas de moito nivel previstas para o verán da man dos clubes que se enmarcan na Festa do Carneiro ao Espeto e, coa situación actual, é moi difícil que se poidan celebrar porque o máis importante é a saúde, pero en todo caso imos agardar un pouco a ver se hai algunha posibilidade”, indicou a rexedora, que detallou que volverá a manter unha xuntanza con estes colectivos na primeira quincena de xuño para abordar esta cuestión. “Os torneos de fútbol e baloncesto están practicamente imposibles polo contacto físico e a Carreira veremos se se pode desenvolver con moitas restriccións, porque aínda que o único que importa é a saúde, tamén é bo ir recuperando actividades sempre que non haxa risco ningún”, explicou a alcaldesa.
Ademais, nesta xuntanza co equipo de fútbol, as dúas entidades de atletismo e a ADC Espeto, tamén se avaliou o estado dos clubes e das súas actividades na actual Fase 1 da desescalada e se analizaron as opcións deportivas que se van ir abrindo a medida que se avance cara a normalidade “pero sempre co estrito respecto ás normas sanitarias, que é algo no que todos estamos de acordo”. Na reunión, Piñeiro tamén se interesou polas súas necesidades organizativas e internas por se fora preciso algún apoio por parte do Concello.

Deja un comentario