+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A Xunta avoga por apoiar ás mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta maña unha reunión por videoconferencia coa directora da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, María José Novoa
A Xunta aposta por visibilizar a situación das mulleres con enfermidade mental que sofren violencia de xénero para rachar coas barreiras sociais e as internas das propias vítimas que fan que estes casos permanezan moitas veces ocultos e que dificultan a súa saída da violencia.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia coa directora da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, María José Novoa, na que destacou o traballo desta organización para prestar asistencia continua ás mulleres con enfermidade mental co obxectivo de lograr a súa rehabilitación psicosocial, ademais do apoio que ofrecen ás súas familias na área de A Mariña.

López Abella incidiu na importancia de acompañar a estas mulleres e fomentar a súa participación social para traballar na minimización destes casos e contribuír a reducir a discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, dotándoas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e persoal.

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña conta desde principios do ano 2019 coa primeira vivenda tutelada para mulleres con enfermidade mental que sofren violencia de xénero. Esta vivenda, que se puxo en marcha ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, presta unha atención integral proporcionando apoio, aloxamento e manutención a estas mulleres e aos seus fillos e fillas.

E dá cumprimento a varios obxectivos fixados no Pacto de Estado que recolle, por unha parte, a necesidade de seguir avanzando na adaptación dos recursos, como casas de acollida, para que sexan axeitados para as mulleres, así como para asegurar recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas mediante o impulso de vivendas sociais.

Deja un comentario