+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

O Concello entrega tarxetas de conexión a Internet a 25 familias para a realización de tarefas escolares


Preténdese universalizar o acceso á formación no marco da crise sanitaria e ampliarase o servizo se se detectan máis necesidades
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de facer entregar de tarxetas módem de conexión a Internet a un total de 25 familias co obxectivo de que os seus cativos en idade escolar poidan continuar coas tarefas educativas de xeito telemático durante o mes e medio que resta de curso académico. Este novo servizo formalizouse con senllos actos celebrados en Carballedo e Cerdedo nos que, respectando as medidas sanitarias de seguridade, fíxose entrega da tarxeta e explicouse o seu funcionamento.
A selección das familias beneficiarias coordinouse entre os Servizos Sociais e o Servizo Municipal de Educación Familiar, pertencentes á administración local, e os centros educativos de Cerdedo-Cotobade. Con esta nova prestación, enmarcada na atención aos cidadáns pola crise sanitaria do coronavirus, preténdense solucionar diferentes casuísticas que dificultaban o acceso á rede de varios cativos do municipio, como a baixa renda dalgunhas familias, os problemas de cobertura de determinadas zonas e outras circunstancias análogas.
Cómpre sinalar que a cesión de uso desta operativa debe orientarse exclusivamente ás tarefas escolares e lectivas dos nenos e para elo as familias beneficiarias asinaron un acordo de responsabilidade comprometéndose a facer un emprego axeitado do servizo de Internet.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que con esta nova medida “aspiramos a universalizar o acceso á formación e á educación e permitir que todos os escolares do noso concello poidan continuar coas súas tarefas e proseguir, na medida do posible e aínda que sexa de xeito telemático, as actividades que restan de curso”. Ademais, anunciou que o servizo permanece aberto e poderán incorporarse máis familias se os servizos municipais e as respectivas comunidades educativas detectan novas necesidades.
Finalmente, explicou que a distribución de acceso a Internet ás familias que o precisan “é unha prestación municipal máis das moitas que puxemos e temos en marcha para mellorar a calidade de vida dos veciños adaptándoa ás novas circunstancias socioeconómicas xeneradas polas restriccións da crise sanitaria e que se enmarca na nosa política de máxima proximidade”.

Deja un comentario