+034 986 09 02 04 Xoves 26 de Novembro de 2020

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa efectuou probas de detección do coronavirus a máis de 4.000 profesionais


O SERGAS aporta de novo datos incuestionables á falaz e demagóxica campaña de cuestionamento da xestión sanitaria e da protección e seguridade dos profesionais, condenando unha dinámica máis centrada en intereses persoais que en traballar conxúntamente contra o coronavirus
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés aporta de novo datos incuestionables á falaz e demagóxica campaña de cuestionamento da xestión sanitaria e da protección e seguridade dos profesionais, condenando unha dinámica máis centrada en intereses persoais que en traballar conxuntamente contra o coronavirus.

Ante a información que CESM, CO.BAS e PROSAGAP fixeron circular entre os traballadores fai unhas datas, a Xerencia desta área sanitaria sinala que o pasado día 6 de maio un total de 2.381 traballadores tiñan feito algún test (PCR e/ou Test rápido de dobre banda IgM-IgG, e, deles, 114 eran positivos para COVID, por unha simple regra de tres un 4,8% dos traballadores con test resultaron positivos.

Non obstante para maior seguridade, a Xerencia tomou a decisión de facer test a todos os traballadores vinculados á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e aos traballadores das empresas externas que traballan nos distintos centros, algo máis de 4.000 profesionais. Ditos test comezáronse a realizar o pasado 11 de maio e ata o día 20 de maio xa se efectuaron un total de 3.983 test e -de novo e en contra das mentiras propagadas polos tres sindicatos antes citados- o número total de positivos a COVID ascende a 142 en calquera dos test, o que quere dicir que un 3,56% dos traballadores testados foron positivos.

Afirmar, sen rubor, ante todos os compañeiros que 1 de cada 10 traballadores resultou infectado de coronavirus é unha absoluta e burda falsedade. A tranquilidade da Xerencia da área sanitaria neste sentido é total, pois as cifras seguen a confirmar os datos que xa se comunicaran aos traballadores.

Reactivación progresiva da actividade asistencial
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a executar a progresiva reactivación da súa actividade asistencial. Dada a actual incidencia do COVID-19, a día de hoxe -cun único paciente en hospitalización, ningún paciente COVID en coidados críticos e 49 en domicilio- continúa a avanzar en dita planificación. Así mesmo segue a ser clave o exemplar comportamento da poboación e a colaboración dos traballadores -respetando as franxas horarias de mobilidade, o distanciamento social, o uso de mascarillas, a hixiene de mans e os habitos saudables-.

A reactivación debe seguir as normas da Autoridade Sanitaria, que vela pola seguridade de pacientes e profesionais.

Ditas normas buscan evitar a aglomeración de pacientes nas salas de espera, o que condiciona o ritmo da recuperación da actividade. Por este motivo se trasladou aos profesionais que o Sistema Sanitario Público galego non pode acadar anteriores cifras de asistencia sanitaria concentrando na xornada de mañá toda a actividade, tal como se viña facendo antes desta pandemia.

Prestar atención sanitaria á poboación nas actuais circunstancias supón ampliar o horario de atención á xornada de tarde. Esta situación foi trasladada aos diferentes servizos co fin de poñer en marcha un plan de reactivación axeitado á situación de cada servizo. A reactivación da asistencia se está a desenvolver tanto en Atención Primaria coma en Atención Hospitalaria.

Non obstante a pesar da pandemia, cómpre sinalar que non se detivo outra actividade asistencial en pacientes con situación clínica máis grave. Coma exemplo, sinalar que desde o pasado 16 de marzo ata o 17 de maio, efectuáronse un total de 1.208 intervencións cirúrxicas en pacientes oncolóxicos ou con patoloxías non demorables, cunha media dunhas 110 intervencións.

Sen embargo, esta semana pasada efecuáronse na Área Sanitaria 215 operacións: 81 en Montecelo, 83 no Provincial, 38 no Hospital do Salnés e 13 en QuirònSalud Pontevedra, máis do dobre da actividade que se viña realizando, en pacientes nos que non se podía retrasar a súa intervención.

Aspectos relacionados coa xestión do persoal
No que se refire aos nomeamentos dos profesionais, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés salienta que os chamamentos realizáronse de conformidade coas listaxes de selección de persoal temporal vixentes nese momento e as súas prórrogas, de conformidade co disposto no pacto de selección temporal e a normativa especifica dictada con motivo da emerxencia sanitaria sobre medidas en materia de persoal como consecuencia do novo coronavirus SARS-CoV-2.

Nestes intres, a porcentaxe de traballadores temporais non acada o 19% da plantilla estable. Tendo en conta a situación actual de emerxencia sanitaria -e o conseguinte descoñecemento da súa duración- a vinculación dos traballadores realizouse mediante acumulos de tarefas mensuais prorrogables, de xeito que a prestación de servizos se realizase naqueles servizos/unidades que efectivamente é preciso a súa presenza para garantir unha asistencia axeitada.

Deja un comentario