+034 986 09 02 04 Martes 14 de Xullo de 2020

O Fondo Galego promove cinco proxectos contra o Covid-19 en Mozambique e Guinea-Bissau


 

Actuarase en áreas como a sensibilización da veciñanza, a dotación de materiais de prevención, o abastecemento de auga e a saúde da infancia

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a impulsar cinco proxectos para frear o impacto do coroavirus en Mozambique e Guinea- Bissau. Na semana en que se conmemora o Día de África, a asociación de concellos e deputacións vén de darlle luz verde ao investimento de 98.126 euros na loita contra a pandemia, dos que 27.000 corresponden a achegas extraordinarias de dous dos seus socios,
os concellos de Cambre e Narón.
En Guinea-Bissau traballarase co Goberno Rexional de Cacheu para sensibilizar á veciñanza sobre o perigo que supón o Covid-19 e as medidas de precaución que deben tomar. Esta partida de emerxencia, que ascende a 15.000 euros, destinarase ademais á distribución de materiais de prevención e alimentos entre as familias desfavorecidas. Cacheu é a segunda rexión do país máis afectada polo virus e corre un alto risco de propagación debido aos altos índices de analfabetismo e pobreza. Entre as medidas decretadas para conter a pandemia áchase o confinamento, que dificulta a subsistencia dunha poboación xa carente de recursos.
Á Asociación de Municipios Mozambicanos destínanse 18.126 euros para adquirir diversos produtos recomendados pola OMS para combater o coroavirus: túneles de desinfección e bombas de pulverización para os mercados e terminais de autobuses, aparellos de medición de temperatura, máscaras para as persoas vulnerables e para homes e mulleres dos mercados, etc. A intervención centrarase en nove vilas das rexións Sur e Norte onde están a aumentar os casos de persoas afectadas.
Ata 30.000 euros orzamentáronse para o proxecto coa Fundação Encontro, que ten por obxectivo reducir a vulnerabilidade de nenos e nenas menores de seis anos a través do acceso á educación e a saúde. A intervención desenvolverase en catro comunidades rurais do Sur de Mozambique, que contan con cadanseu centro infantil, e mais nunha Unidade Sanitaria que fora construída polo Fondo Galego e que agora se ampliará cunha nova sala de atención materno-infantil. En canto ás escolas, ademais da compoñente formativa nelas proporciónanse dúas comidas ao día, co fin de frear elevada taxa de desnutrición e mortalidade na rapazada.

 

Por outra parte, o Fondo Galego continuará apoiando a reconstrución da vila mozambicana de Nhamatanda, que o ano pasado resultou gravemente afectada polo ciclón Idai.
Destinaranse 20.000 euros a construír un sistema de abastecemento de auga, tan necesaria no combate contra o coroavirus e outras enfermidades xa presentes na zona.
Ademais, investiranse outros 15.000 euros na expansión da rede eléctrica e a iluminación pública de dous barrios, de xeito que se loitará contra a pobreza reactivando sectores como o económico e o educativo, pois nas escolas poderá haber quendas nocturnas e favorecerase o desenvolvemento dos negocios locais.
Con estas cinco liñas de acción, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade avanza no obxectivo de reducir as desigualdades e promover o desenvolvemento sostible dos países máis empobrecidos, en liña coa Axenda 2030. Especialmente, no contexto da crise global xerada pola pandemia do Covid-19, onde quedou patente que o mundo está fortemente interconectado e que os países deben traballar xuntos para erradicar o virus. Así se puxo tamén de manifesto coa campaña #OsMunicipiosCooperan , que o Fondo Galego vén de promover nas redes sociais para poñer en valor a cooperación internacional desde o
local.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Deja un comentario