+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

O consultorio da parroquia pontevedresa de Pontesampaio reactivará o vindeiro 1 de xuño a súa actividade de Enfermaría de Atención Primaria


A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés adáptase de novo ás continxencias polo COVID-19 recuperando a planificación asistencial segundo as recomendacións das autoridades sanitarias
No marco do seu plan de reanudación gradual da asistencia, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reactivará a partires do vindeiro luns 1 de xuño a actividade de Enfermaría de Atención Primaria no consultorio da parroquia pontevedresa de Pontesampaio, adaptándose de novo ás continxencias da pandemia polo COVID-19 e recuperando a planificación asistencial segundo as recomendacións das autoridades sanitarias.

Cómpre trasladar ás Administracións e aos pacientes que a atención sanitaria se ve modificada pola nova situación de presencia de coronavirus, circunstancia pola que o Sistema Sanitario Público galego ten a obriga de garantir a seguridade tanto dos pacientes que acoden ao mesmo coma a dos profesionais que o atenden.

Polo tanto, cómpre reiterar que hai que rexirse polos actuais condicionantes preventivos do estado de alarma pautados polas Autoridades Sanitarias, que condicionan a total normalización da actividade de Atención Primaria no consultorio de Pontesampaio, cuxa distribución de espazos non cumpre os requisitos mínimos para desenvolver a actividade asistencial sen minimizar riscos para pacientes e profesionais. Neste senso, as características do consultorio non poden facilitar a habilitación de dobres circuitos, ou contar cunha sala de illamento nin dispor da posibilidade de efectuar triaxe á entrada de dito centro.

Dados estes condicionantes, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantén de xeito provisional o reagrupamento do persoal facultativo nun centro de referencia, que se adapta con maior garantía á continxencia do COVID-19.

Plan provisional flexible e reversible
Na liña desta reactivación de actividade de Enfermaría neste consultorio pontevedrés, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera que o seu plan de reanudación asistencial en Atención Primaria continúa a ser provisional, flexible e reversible en función da evolución da pandemia e sempre con garantías de seguridade para pacientes e profesionais en Pontesampaio.

Complementariamente, escalonaranse as citas para atención de Enfermaría de Atención Primaria, de xeito que se evite a acumulación de pacientes no consultorio, ao tempo que se manterá a distancia de seguridade durante a estadía dos usuarios. Lémbrase tamén que os pacientes acudirán previa consulta telefónica co profesional e aconséllase acudir coa correspondente mascarilla cirúrxica. Estas iniciativas pretenden adaptarse á situación epidemiolóxica deste centro sanitario, dando mellor resposta ás súas necesidades.

Deja un comentario