+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

O concello de Soutomaior xestionará as solicitudes do novo bono de aluguer para afectados pola covid19 no municipio


A axuda está dispoñible para veciños en situación de vulnerabilidade económica derivada directamente da alarma sanitaria

Os Servizos Sociais do Concello de Soutomaior puxéronse ao dispor dos veciños do municipio para xestionar as súas solicitudes do novo bono de aluguer para afectados da Covid19 recentemente aprobado pola Xunta de Galicia. A axuda financiará unha porcentaxe do custo da vivenda aos veciños que se atopen en ERTE, diminución de xornada laboral ou en situación de desemprego motivada pola alarma sanitaria e que iso lle supoña unha situación de vulnerabilidade económica.
O novo bono financiará aos beneficiarios unha porcentaxe do aluguer da súa vivenda durante seis meses, desde o pasado mes de abril ata decembro. A solicitude desta axuda deberá realizarse, preferentemente, de maneira telemática, polo que, para facilitar o acceso dos veciños, os Servizos Sociais do Concello de Soutomaior xestionarán as solicitudes de forma presencial a través do rexistro municipal.
“A gran maioría dos veciños non dispoñen de certificados dixitais nin están habituados a realizar estes trámites a través de internet”, explicou o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que indicou que “se trata dunha axuda que pode ser fundamental para moitas familias nestes momentos e a nosa misión é facilitarlles o acceso o máximo posible”.
O prazo para solicitar esta axuda finaliza o próximo 30 de setembro. Para facelo de forma presencial os interesados deberán solicitar unha cita previa cos servizos sociais municipais, que serán os encargados de proporcionarlles todos os documentos e orientarlles sobre como cumprimentar as solicitudes antes da súa presentación no rexistro.

Deja un comentario