+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

Vilaboa aproba o seu orzamento para o 2020 cun incremento de máis dun 5.75%


  • Vilaboa incrementa o seu orzamento en 165.854 euros para este 2020
  •  O principio do pleno se gardou un minuto de silencio
  • Francisco Costa indicou que se trata dun Orzamento prudente, realista, que reflicte ben a realidade do Concello

Vilaboa saca adiante os seus orzamentos cos votos favorables do equipo de goberno. Francisco Costa indicou que se trata dun Orzamento «prudente, realista, que reflicte ben a realidade do Concello e que atende ás necesidades de financiar os servizos municipais e os investimentos máis perentorios».

O Orzamento presentado polo Equipo de Goberno, elévase a 3.047.061 de euros. Supón un incremento de máis do 5’75% respecto ao do ano anterior. «Nel garántese a prestación dos distintos servizos municipais, onde se inclúe un importante apartado investidor, o cal se elaborou con criterios de prudencia”

O concello de Vilaboa fixo os seus deberes e aprobou neste pleno o Plan Económico e Financeiro, conseguindo desta maneira presentar un informe de axustes reais que serán claves na reestruturación económica do consistorio, sen que estes axustes mingüen a calidade dos servizos aos veciños, estes plans Financeiros veñen causados pola Regra de Gasto.

Costa debullou os aspectos máis relevantes deste Orzamento, contemplando un incremento á partida económica, para a atención aos máis vulnerables e a creación da RPT (Relación de Postos de Traballo) do concello, onde se especifica o posto de cada traballador, acondicionando os salarios ao devandito posto, axustándoa á realidade do século XXI. “Unha RPT que como lembra o alcalde Francisco, é imprescindible e necesaria como establece a lei e por mor da súa aprobación neste pleno, contarase por primeira vez cunha RPT no consistorio; o que conleva ao crecemento do Capítulo de Persoal, xa que grazas á aprobación da RPT o concello realizará un incremento de empregados municipais coa creación de 5 novas incorporacións, das cales 3 destes traballadores- as serán no ámbito da limpeza e hixiene das instalacións municipais, algo importantísimo nestes momentos que estamos de pandemia producida polo COVID-19.

Neste pleno presentouse unha actualización das Ordenanzas Reguladoras das Taxas Municipais, algo moi necesario se temos en conta que as existentes a día de hoxe aínda se atopaban en pesetas como moeda de referencia, as modificacións son mínimas, mesmo á baixa, como o caso das Taxas Urbanísticas onde Costa confirma que “se reducen, para axudar, incentivar e fomentar o crecemento do municipio”.

Outro aspecto destacado do Orzamento que apuntou o primeiro edil, é que se trata dun Orzamento investidor, un orzamento que permitirá realizar obras por un importe de preto de 800.000 euros apoiados polo Plan Concellos da Deputación e algunha axuda achegada pola Xunta de Galicia. Acometeranse varias obras moi necesarias para o municipio, que se irán informando a medida que se realicen as súas contratacións, neste punto o alcalde Francisco, quere agradecer a todos os veciños e veciñas de Vilaboa a súa comprensión e a súa paciencia, xa que como todos saben, Vilaboa é un concello con poucas posibilidades e moitos investimentos por realizar, o equipo de goberno levará cada unha delas a cabo priorizando as máis urxentes ou necesarias sen que ningunha parroquia quede sen investimento.

Neste pleno tamén se informou da baixa da concelleira de Sanidade e Consumo Ánxela Casal Cal do grupo PSdeG.

Ao termo do pleno, o alcalde Francisco leu un comunicado institucional de agradecemento a todos os veciños, veciñas, empresas, voluntarios, voluntarias, persoal do concello e moi especialmente aos servizos sanitarios e a Protección Civil de Vilaboa, que estiveron e continúan traballando para que esta pandemia do Coronavirus sexa soamente unha mala experiencia e que por suposto non leve a ningún dos nosos veciños e veciñas, por todo isto o alcalde roga que se continúe por este camiño e síganse cumprindo as indicacións que nos transmiten desde sanidade.

Deja un comentario