+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

A corporación provincial revalida a súa vocación de consenso e aproba todos os puntos do pleno por unanimidade


A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o portavoz do PP Jorge Cubela reafirman o seu compromiso “de seguir no camiño dos acordos” e poñen á Deputación como exemplo ante outras administracións

O pleno deu luz verde á modificación do Plan Concellos para facer fronte ás consecuencias da Covid19

A corporación provincial da Deputación de Pontevedra volveu a dar exemplo este venres de concordia, vocación de consenso e capacidade para chegar a acordos, votando por unanimidade todos os puntos da orde do día. A presidenta Carmela Silva mostrou o seu orgullo “porque estamos sendo un exemplo e espero que outras administracións miren cara a esta Deputación para aprender de como hai que facer fronte a situacións tan complicadas”. Silva manifestou novamente o seu recoñecemento á oposición, “e especialmente ao seu portavoz Jorge Cubela, que soubo estar á altura das circunstancias, e tamén a este goberno que tivo a intelixencia de sumar. É o modelo. Se temos a capacidade de continuar neste modelo de relación, dixo a presidenta provincial, significará que a xente poderá dicir que as políticas e os políticos estamos aquí para defender sos seus intereses”.

Tamén César Mosquera valorou positivamente a concordia lograda. “Este consenso foi un paso para funcionar mellor e agardo que sexa un paso para funcionar moito mellor porque do barullo político non sae nada. A base está asentada. Hai unha boa base para poder traballar e sacar cousas adiante dunha maneira positiva” . Pola súa banda Jorge Cubela subliñou tamén o “traballo conxunto” e desexou que “o grupo de goberno e o PP sigan chegando á acordos. Segue a nosa man tendida, dixo, e ogallá podamos axudar a facer máis fácil a vida da provincia e máis doada a vida aos nosos concellos”. “Isto é unha demostración ao resto de administracións e institucións públicas galegas e estatais; cando os seus representantes se sentan ás mesas a dialogar se poden conseguir acordos e chegar a pactos. E este grupo sabe facelo”.

 

O pleno, que gardou un minuto de silencio polas vítimas da Covi19, aprobou hoxe co consenso de todos os grupos a modificación das bases do Plan Concellos 2020 que ten como obxectivo facilitar aos municipios da provincia a dotación de recursos para facer fronte ás consecuencias da pandemia do COVID-19. Trátase dunha nova medida, xa anunciada aos alcaldes e alcaldesas da provincia pola presidenta Carmela Silva, no marco da ampla lista de acordos excepcionais que a institución provincial está a promover para apoiar aos concellos na saída da crise sanitaria. O acordo supón o axuste das bases reguladoras coa introdución dunha disposición transitoria que flexibiliza os límites da distribución do crédito entre as distintas liñas subvencionables e permite acomodar os prazos de presentación de solicitudes á nova realidade na que, de xeito extraordinario, os concellos se ven obrigados a redefinir os seus investimentos.

Así, coa modificación aprobada polo pleno, os concellos da provincia poderán destinar ata un máximo dun 30% do importe que teñen asignado para a Liña 1 de Investimentos, tendo en conta as compensacións de débeda efectuadas, a incrementar o importe das Liñas 2 (amortizacións e pagamento de débedas e gastos correntes) e/ou 3 (emprego). Amais, no caso da Liña 3, tamén se permitirá que en caso de que os concellos recibiran unha subvención inferior ao importe asignado inicialmente poidan incrementala ata ese importe, previa tramitación do expediente correspondente. Esta modificación leva engadida a ampliación dos prazos, que se reabrirán unha vez finalizado o estado de alarma polo tempo restante desde a suspensión mais quince días naturais adicionais.

Comisión Técnica de Asistencia Municipal

O pleno coñeceu a posta en marcha dos traballos da Comisión Técnica de Asistencia Municipal, que xa se reuniu esta semana e comezou a recibir propostas que, segundo confirmou Carmela Silva, serán estudiadas tamén coa participación da oposición. O espazo web que se había anunciado na constitución da Comisión, xa está tamén en funcionamento

Deja un comentario