+034 986 09 02 04 Venres 25 de Setembro de 2020

A Xunta de Galicia renova as camas en 18 centros residenciais públicos para mellorar o benestar das persoas usuarias


Son 441 novas unidades que se reparten en centros da Comunidade Autónoma das catro provincias

A Xunta de Galicia acomete a renovación das camas en 18 centros residenciais públicos de maiores e de persoas con discapacidade coa instalación de 441 novas unidades entregadas pola Consellería de Sanidade. Esta mellora enmárcase no obxectivo de seguir avanzando no benestar das persoas usuarias.

En concreto, na provincia da Coruña repartiranse 146 unidades entre seis instalacións. O Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade (Cegadi) de Santiago de Compostela recibirá 35; a residencia de maiores de Oleiros, 87; Torrente Ballester (A Coruña) contará cunha decena; a de Laraxe (Cabanas) terá sete novas; a de Ferrol, cinco; e a residencia de Souto de Leixa (Ferrol) contará con dúas novas.

Así mesmo, entregaranse 111 camas en cinco centros da provincia de Lugo. O Centro de atención a persoas con discapacidade (CAPD) de Sarria recibirá 70; a residencia de maiores de Burela, 24; á da Milagrosa (Lugo) achegaránselle nove unidades; á das Gándaras (Lugo), cinco; e a residencia de Monforte contará con tres.

En Ourense, os usuarios da residencia de maiores Os Miragres, emprazada no concello de Barbadás, desfrutarán de 14 novas camas.

Pola súa banda, as 129 unidades da provincia de Pontevedra repártense da seguinte maneira: no CAPD de Redondela, 60; o CRAPD II (Vigo) terá 30 novas; a residencia de tempo libre de Patos (Nigrán), 28; a residencia de maiores de Marín contará con cinco; a de Campolongo (Pontevedra), catro; e a da Estrada recibirá dúas camas.

161 camas xa entregadas
A Consellería de Política Social xa comezou coa entrega de 161 unidades, polo que os usuarios destes centros xa poderán contar desde esta mesma semana co novo mobiliario. Proximamente, realizarase o reparto das 280 unidades restantes, que xa foron comprometidas.

Deja un comentario