+034 986 09 02 04 Venres 25 de Setembro de 2020

A Deputación reafirma o seu compromiso cos concellos aprobando novas subvencións por case dous millóns de euros


As axudas outorgadas nesta ocasión a 18 municipios elevan 16,5 millóns de euros as aportacións concedidas xa este ano ao abeiro do Plan Concellos 2020

As achegas serán destinadas á mellora de infraestruturas e espazos dedicados ao turismo, contratación de persoal e realización de actividades culturais e deportivas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de novas achegas por case 2 millóns de euros (1.969.531,1), ao abeiro do Plan Concellos 2020, que benefician neste caso a dezaoito municipios da provincia. Con estas axudas o ente provincial leva outorgados no que vai de ano 16,5 millóns de euros entre as tres liñas do Plan, inversións coas que a presidenta, Carmela Silva, resaltou que “coma sempre é a administración provincial a que inviste nos concellos desta provincia para melloralos”.

No caso da Liña 1 de Investimentos son sete novas achegas por 1.155.142,85 euros, que irán destinadas aos concellos de Gondomar, Caldas de Reis, O Grove, Nigrán, Redondela e Salvaterra de Miño. A maioría van a estar dedicadas á mellora e urbanización de camiños, saneamento e incluso á adquisición dun aparcadoiro. Do mesmo xeito, as subvencións tamén irán destinadas ao acondicionamento do paseo marítimo de Panxón, en Nigrán, á pavimentación de diferentes espazos en Redondela, á rehabilitación do antigo edificio do concello de Salvaterra de Miño que se vai reconverter nunha biblioteca, e ao acondicionamento do complexo de Pozas da Tafona, en Caldas de Reis.

Doutra banda, no que atinxe á Liña 2, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aproba un investimento de 253.281,58 euros que beneficiará a oito concellos: Agolada, Baiona, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Lalín, O Rosal, Salceda de Caselas e Vilanova de Arousa. As achegas irán destinadas, entre outras cousas, ao pago de gastos correntes e á realización de obradoiros e actividades teatrais, musicais e deportivas.

Doutra banda, a Xunta de Goberno aprobou a modificación de dúas achegas da Liña 3 de Emprego concedidas aos concellos do Rosal e Cambados. Os municipios solicitaron estes cambios para realizar reaxustes nas categorías, duración e orzamento das contratacións debido á situación derivada da crise sanitaria producida polo COVID19.

Deja un comentario