+034 986 09 02 04 Martes 14 de Xullo de 2020

O Museo reabre ao público cunha afluencia “por riba das previsións”


Durante a mañá recibíronse 15 visitantes, a maior parte en parellas, que cumpriron os protocolos obrigatorios para o acceso

As Ruínas de San Domingos abriranse no mes de xullo

O Museo de Pontevedra reabriu hoxe as súas portas cunha afluencia de público “por riba das previsións”. Así o manifestou a dirección do centro, que confirmou a asistencia de 15 persoas só durante a mañá e prevía un aumento durante a tarde. Todas as visitas, de orixe en Pontevedra -menos dúas que confirmaron ser de Santiago de Compostela-, cumpriron estritamente os protocolos de desinfección, acceso e de temperatura.

O Museo pechara o pasado 13 de marzo seguindo as recomendacións sanitarias. Hoxe, igual que entón, mantéñense abertas ademais da colección permanente dúas exposicións de grande relevancia, unha dedicada a Leopoldo Nóvoa e outra, a de ‘Debuxantas, pioneiras da ilustración’, que se prolongarán ata o 30 de agosto, mais sen roteiros guiados nin posibilidade de actividades grupais relacionadas. Dende hoxe tamén se pode acceder á sala de investigación, preferentemente con cita previa, co fin de garantir as distancias de seguridade. Polo momento seguirán pechadas as Ruínas de San Domingos, xa que se esá completando o seguimento dunha fenda localizada o pasado ano, a piques de rematar e de ter informe favorable para a reapertura –previsiblemente a primeiros de xullo-.

Segundo explicou o director do Museo, Xosé Manuel Rey, existían moitas dúbidas sobre a resposta do público ante a reapertura, sen embargo, superáronse todas as expectativas. O 2 de xuño do pasado ano foran un total de 45 persoas as que accederan ás instalacións museísticas, e contándose só na mañá de hoxe foron 15 as que 0 visitaron. “Pensabamos que ao ser o primeiro día de volta á actividade e ao ser un día de semana a afluencia estaría máis parada. Prevese máis xente, como habitualmente acontece, pola tarde, polo que estamos moi por encima das previsións”, subliñou.

En canto ao cumprimento das medidas de seguridade o director destacou que todas as persoas asistentes seguiron o protocolo obrigado: desinfección trala entrada con hidroxel para as mans, control de público (aportando os seus datos persoais) e de acceso no arco de metais e control de temperatura. Así mesmo, mantívose vixilancia en todas as salas e en todas as plantas para garantir o mantemento das distancias de seguridade, certificando que as persoas visitantes seguían os itinerarios marcados con indicacións no chan. Hai que lembrar que o Museo terá restrinxido o seu aforo por debaixo do 30% nos vindeiros meses.

Deja un comentario