+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

Os comerciantes de Soutomaior comezan a súa formación en comercio electrónico


Mais de 40 establecementos do municipio xa forman parte da nova plataforma de venda dixital posta en marcha polo Concello

Máis de 40 establecementos de Soutomaior xa están presentes na nova plataforma de comercio electrónico posta en marcha polo goberno local e están a comezar a súa formación en márketing dixital para espremer ao máximo os beneficios desta nova ferramenta. As sesións formativas comezaron esta tarde no Multiusos de Arcade e prolongaranse durante, polo menos, todo o mes de xuño.
A primeira sesión deu comezo ás nove da tarde para non interferir no horario comercial dos establecementos. Durante unha breve presentación xeral realizada polo director técnico da plataforma, Xavi Haro, os participantes tiveron ocasión de comprobar a importancia do comercio electrónico na actualidade a través de datos concisos e reais, como o número de procuras de calquera produto dentro do propio Soutomaior ou o volume de vendas xerado en municipios similares.
A continuación, como parte máis técnica da sesión, os participantes puideron aprender diferentes conceptos básicos sobre o funcionamento da plataforma necesarios para facilitar aos comercios o proceso de integración dos seus produtos. Do mesmo xeito, os participantes obtiveron as principais nocións sobre márketing dixital e comercio electrónico, que lles servirán de axuda para expoñer os seus produtos correctamente, aumentar a súa presenza dixital, o funcionamento das súas propias páxinas web ou como integrar esta nova canle de venda coa súa propia operativa.
Ademais, para motivar aos asistentes, presentouse como caso de éxito no comercio electrónico a un veciño do municipio, o propietario da tenda de ciclismo “ Calapes”, que inspirou aos participantes coas súas experiencias a través das novas canles de venda que a tecnoloxía proporciona.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou tras a presentación a importancia de aproveitar esta oportunidade e aprender o máximo posible agora, “antes da previsible chegada do turismo dentro dun mes. Os estranxeiros están moito máis habituados ao comercio electrónico e esta plataforma é unha oportunidade para que, ademais de visitarnos, tamén realicen as súas compras no comercio local”, explicou o rexedor.

Deja un comentario