+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

Soutomaior publica o novo calendario de cobranza de impostos municipais


O Concello está a levar a cabo unha campaña informativa en todas as parroquias para que os veciños poidan acollerse ás facilidades de pago

O Concello de Soutomaior acaba de iniciar unha campaña informativa para dar a coñecer aos veciños do municipio o novo calendario de cobranza de impostos municipais despois do seu aprazamento debido á alarma sanitaria. O abono poderá fraccionarse en varias mensualidades que non terán un importe mínimo para facilitar ao máximo a flexibilidade dos pagos por parte da veciñanza.
Así, o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), o de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e o Imposto de Actividades Económicas (IAE) poderán pagarse de maneira fraccionada e en seis meses como máximo. Para acollerse a esta medida será necesario solicitalo a través da OVT, a Oficina virtual do ORAL antes do 15 deste mes.
Os documentos de ingreso dos recibos non domiciliados en entidades bancarias remitiranse por correo postal ao domicilio de cada contribuínte e se algún veciño non o recibe poderá solicitalo a través do 886 211 400.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, participou persoalmente na campaña de información que o Concello está a levar en todas as parroquias do municipio coa colocación de avisos e carteis e destacou que “o fraccionamento dos recibos contribuirá a aliviar a situación de moitas familias que viron reducidos os seus ingresos durante a alarma sanitaria e que agora necesitan flexibilidade e poder atrasar moitos pagos”.

Deja un comentario