+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

Redondela esixe á Xunta a reapertura dos centros de atención a persoas dependentes


A intención do Goberno galego de non reiniciar a actividade ata o 1 de setembro “supón un enorme prexuízo para máis de 150 usuarios e usuarias e as súas familias”

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a concelleira de Servizos Sociais, Marta Alonso, o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, e a técnica de Servizos Sociais, Alejandra Fernández, reuníronse na mañá de hoxe con responsables dos centros de día Os Cortizos, Galeón e Arela e da Asociación Lenda de Saúde Mental, para analizar a situación creada polo anuncio da Xunta de Galicia de non retomar a actividade dos centros de atención a persoas dependentes ata o día 1 de setembro.
A decisión, que foi cualificada polo Goberno de Redondela como “sorprendente e absolutamente desacertada” deixa sen atención a máis de 150 persoas “ocasionándolles un grave prexuízo aos usuarios e usuarias e ás súas familias que, dende o pasado mes de marzo en que se decretou o
estado de alarma, teñen graves dificultades para conciliar o coidado dos seus maiores coa súa vida laboral”.
Tal e como se deixou patente na reunión desta mañá, a Xunta parece esquecer que un dos colectivos que sufriron en maior medida, e seguen a sufrir, as consecuencias do confinamento son as persoas maiores, dependentes e con diversidade funciona, “persoas ás que agora se quere deixar desatendidas durante tres meses máis”, afirma a alcaldesa Digna Rivas.
Os efectos nocivos/negativos comezaron a ser notables dende o primeiro momento: limitación de movemento, carencia de estimulación, aumento do sedentarismo, merma da mobilidade… intensificándose os sentimentos de soidade, incerteza, desesperanza e tristeza, o que supón un agravamento do seu estado sanitario (físico e cognitivo) e consecuentemente do seu grao de dependencia (o que conlevará á tramitación de expedientes de revisión de grao) xunto co incremento da sobrecarga das persoas coidadoras o que supón un elevado risco de claudicación nos coidados de todas as persoas afectadas. Esta situación fai que a aludida “conciliación da vida familiar e laboral” resulte inexistente.
Doutra banda, o Goberno local considera “inaceptable” o ‘paquete extraordinario de medidas de conciliación’ anunciado polo presidente da Xunta “a todas luces insuficiente”. Digna Rivas adianta que “non se pode falar de medidas de ‘conciliación’ cando o se está a ofertar é unha contía de 500 €/mes (sempre e cando as familias cumpran uns requisitos mínimos esixidos”. A alcaldesa de Redondela explica que, tal e como sinalaron as técnicas en servizos sociais do Concello, “os custos reais e actuais dos prezos de servizos de atención domiciliaria, roldan os 16 €/hora o que suporían unhas 31 horas ao mes de atención ou o que é o mesmo, pouco máis de 1hora/día de servizo”.
O Goberno redondelán considera “inaceptable” o peche por máis tempo dos centros ocupacionais como ‘Lenda’ que “garanten a prestación duns servizos de terapia ocupacional e de axuste persoal e social a persoas con discapacidade” persoas, engade o executivo local “que non poden esperar ata setembro”.
O mesmo acontece cos centros de día que “son un apoio fundamental ás familias á hora da conciliación da vida laboral” e supoñen unha ferramenta básica de axuda “a persoas con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, actividade relacional e permanencia na súa contorna habitual e coñecida”.
O Concello de Redondela asegura “descoñecer a motivación técnica na que se basea a adopción dunha medida tan drástica como é a do peche destes centros” polo que na reunión de hoxe adoptouse o acordo, por parte de todos os presentes, que o Goberno local inste, unha vez máis á Xunta de Galicia, “a que, con carácter de urxencia, remita ao Concello os informes técnico- sanitarios en que se fundamente esta decisión”.
Finalmente, o Goberno redondelán apela á Xunta para que aplique, en todas as súas decisións, “o lema ‘Sentidiño’ da campaña que vén de poñer en marcha de prevención da COVID-19’”. Ese ‘sentidiño’ afirma o Goberno que preside Digna Rivas, “ten que facer que se reformulen esas supostas medidas de ‘conciliación’ que veñen de poñer en marcha de xeito unilateral e valoren as consecuencias a curto e medio prazo que estas medidas, absolutamente inadecuadas, van a provocar en tantas persoas usuarias destes servizos”.

Deja un comentario