+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

A Guarda contará cunha comisión especial para a reactivación económica formada por profesionais que rexentan negocios ou están estreitamente ligados á nosa vila


 

O Concello da Guarda invitou a un grupo de 8 profesionais de diversos sectores para que formen parte dunha comisión especial que traballará de xeito coordinado co equipo de goberno para buscar solucións que conduzan á reactivación económica local.
Desde o mes de marzo o Concello ven realizando diversas intervencións para tratar de apoiar aos negocios locais nestes duros momentos. Estas iniciativas proseguiron no mes de abril e maio co lanzamento, durante a pasada semana, do marketplace www.mercanaguarda.com , que permitirá aos negocios locais diversificar a súa estratexia e abrir unha nova canle de venda online. Polo momento xa se atopan inscritos e recibindo formación para o manexo da plataforma un total de 15 negocios da localidade, e outros tantos solicitaron xa información para a súa adhesión.
De xeito paralelo a estas medidas, e xa durante o mes de abril, o grupo de goberno iniciou contactos con diversas empresas de consultoría para valorar a posibilidade de contratar a algunha delas para que guiase ao equipo de goberno durante os próximos meses neste proceso de reactivación local.
Finalmente, e dado que os prazos de execución que ofrecían estas empresas eran de entre 3 e 6 meses, posto que o primeiro e máis complexo paso que debían dar era facer unha análise das condicións da vila, decidiuse optar por unha fórmula alternativa que acortara estes prazos de tempo e permitira aplicar medidas dun xeito máis rápido.

Por iso desde o Concello tomouse a decisión de optar pola creación dunha comisión especial conformada por profesionais que xa coñeceran de primeira man o noso territorio, ben porque rexentaran negocios na localidade e residiran nela, ou porque estiveran ligados dalgún modo á mesma. Esta comisión tería como obxectivo traballar na ideación de medidas que tiveran como finalidade a reactivación local, e coa motivación de facelo polo ben común da vila.
Algunhas destas persoas foron directamente contactadas polo equipo de goberno, recibindo unha resposta moi positiva por parte delas e mostrándose abertas a colaborar en todo o necesario.
Invitouse tamén ao resto de forzas políticas a propoñer outras persoas que considerasen idóneas para formar parte desta comisión, pero excepto o Partido Popular, o resto de grupos políticos declinaron a invitación e decidiron non participar de ningún xeito nesta iniciativa.
Entre os e as profesionais que conformarán esta comisión atópanse José L. Lorenzo (Propietario do comercio Rodríguez Brand Store), Manuel Domínguez Freitas (Ex-alcalde da Guarda), Eva Bouzas Facal (Responsable Área Proxectos Europeos da Asociación San Xerome Emiliani), Manuel Franco Peixoto (Propietario dos Restaurantes Area Grande, Marouco de Palla e El Capitán), Francisco Xavier Martínez Cobas (Profesor na Facultade de Economía e Administración de Empresas da Universidade de Vigo), Joaquín Cadilla Castro (Presidente de ORPAGU), Chus Castro González (Propietaria do Restaurante Bitadorna), e Doménico Tinelli (Consultor e xestor de proxectos europeos de I+D no Instituto Tecnolóxico de Galicia).
Estas persoas prestarán a súa colaboración de xeito desinteresado e está previsto que manteñan tres reunións durante o mes de xuño, reunións que serán guiadas por Susana Rodríguez (Coach e Psicóloga Social con experiencia na condución de mesas de traballo).
O obxectivo é que tras esas sesións conxuntas se xeren ideas e iniciativas innovadoras para o futuro da Guarda, que se podan poñer en marcha a curto e medio prazo.
Esta comisión traballará de xeito complementario ao comité formado polo equipo de goberno e os portavoces dos demais grupos políticos con representación na Corporación

Local, e que tamén estudiarán posibles iniciativas a por en marcha durante os próximos meses para estimular a economía da Guarda.
O equipo de goberno está seguro de que esta será a mellor vía para atopar solucións na excepcional situación na que nos atopamos: tomando as decisións desde unha perspectiva de colaboración, construtiva e de axuda mutua.

Deja un comentario