+034 986 09 02 04 Mércores 15 de Xullo de 2020

O Concello remata a creación dun humidal artificial ecolóxico como sistema de depuración de Paraños


A infraestrutura, que contou cun orzamento de 60.000 euros, só está pendente da instalación eléctrica para a súa posta en funcionamento
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de dotar ao lugar de Paraños, na parroquia de Carballedo, dun sistema de depuración de augas residuais que dará servizo á rede de saneamento existente, pero vén de facelo dun xeito pioneiro na nosa comunidade, xa que creouse un humidal artificial subsuperficial de carácter ecolóxico para tratar estes vertidos de orixe doméstica. Trátase dunha iniciativa medioambiental novidosa en Galicia que xa foi probada con éxito en moitos países europeos, especialmente Francia, e que se caracteriza pola súa eficiencia, baixo custo, mínima afección ao paisaxe e ao medio natural e sostenibilidade.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que supervisou esta mañá o resultado final da obra, comentou que esta iniciativa supón un reto construtivo que se caracteriza polo seu baixo custo de investimento e mantemento e que estase a converter nun sistema moi competitivo en termos de eficiencia e sostenibilidade para pequenos núcleos de poboación, como é o caso de Paraños, xa que ten capacidade para atender a 150 habitantes.
O humidal artificial ecolóxico consiste na creación dun espazo que reproduce, de maneira controlada, os procesos de depuración que ocorren nos humidais naturais. Así, trátase dun sistema totalmente inocuo e sen adicción de produtos químicos de xeito habitual, polo que produce moi poucos lodos abaratando moito a súa xestión. Ademais, o seu mantemento é moi escaso, xa que non hai dependencia tecnolóxica, as comprobacións periódicas son mínimas, o consumo enerxético é moi reducido, non xenera cheiros nin insectos e conta cunha alta integración na paisaxe.
O sistema de depuración, cun orzamento de 60.000 euros, sitúase nunha parcela de 1.256 metros cadrados e consiste nun dobre tratamento a través dun tanque séptico con capacidade para 30.000 litros e un humidal artificial de 99 metros con aireación forzada. Tamén dispón de pozos de rexistro, arquetas, tubarías, peche perimetral e aparcamento nunha cota de 370 metros, o que permitirá o seu axeitado funcionamento. Cómpre sinalar que o proxecto tivo que adiarse uns meses por un cambio técnico para solucionar correctamente a entrada das augas do saneamento na depuradora e tamén se viu afectado pola crise do coronavirus, pero xa está rematado e pendente só da instalación eléctrica para a súa posta en funcionamento.
Posteriormente, publicarase un bando informativo sobre o proceso de enganche por parte da veciñanza.
Finalmente, Cubela destacou que se trata dun proxecto que demostra “o forte compromiso do noso concello co medio ambiente, que é un dos valores de moita importancia neste territorio e que debemos protexer, e coa sostenibilidade, polo que apostamos por novos sistemas de depuración que sexan moito máis asumibles para as arcas municipais en termos de construción, mantemento e enerxía e que ademais sexan o máis respectuosos e estean o máis integrado posible no noso medio natural”.

Deja un comentario