+034 986 09 02 04 Sábado 15 de Agosto de 2020

A Escola de Cantería da Deputación reabre as instalacións e inicia o prazo de preinscrición para o vindeiro curso


Cun exhaustivo protocolo fronte á COVID-19, o centro abriu as súas portas para traballos administrativos e no taller, así como para a docencia presencial cara ao alumnado que voluntariamente decida asistir ás clases

O prazo de preinscrición para acceder aos estudos de cantería e de mestre/a para o próximo curso estará aberto ata o 14 de setembro

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra vén de reabrir esta semana as súas instalacións, baixo un estrito protocolo de medidas de protección e prevención fronte ao COVID-19. Amais, o centro acaba de iniciar tamén o procedemento de preinscrición para os estudos de cantería correspondente ao vindeiro curso 2020-2021.

O devandito protocolo para o desenvolvemento da actividade no centro con plenas garantías sanitarias estableceu a súa apertura para a realización de funcións administrativas, traballos no taller e a docencia presencial para o alumnado que voluntariamente decida vir ás clases, respectando en todo caso a distancia interpersoal de dous metros. No que atinxe ás materias de aula (teóricas) continúase coas clases en liña para estudantes de primeiro, segundo e terceiro curso de Cantería.

Doutra banda, intensificáronse as medidas de limpeza e desinfección nas instalacións, utensilios e materiais. Entre outras medidas, cada aula o zona de taller están dotadas de xel hidroalcohólico e dun recipiente específico para a eliminación de material para refugar e todas as persoas deben usar máscaras nos espazos do centro. Doutra banda, o alumnado, persoal de taller e profesorado debe de dispoñer das súas ferramentas de traballo e proceder á súa desinfección unha vez finalizado o seu uso. Amais, se intensificou tamén o lavado de mans de forma regular entre o alumnado e os vestiarios e aseos úsanse de modo individualizado.

No que respecta ao prazo de preinscrición para estudar no centro o vindeiro curso 2020-2021 as titulacións de cantería ou de mestre/a de cantería, estará aberto ata o 14 de setembro. As persoas interesadas só teñen que cubrir un formulario dispoñible na páxina web da Escola, escoladecanteria.depo.gal. Posteriormente, do 17 ao 28 de setembro, terán que formalizar a matrícula achegando toda a documentación necesaria.

Para acceder aos estudos de cantería é necesario posuír un título de graduado escolar ou equivalente. Son tres anos de formación teórica, pero sobre todo práctica, e hai 25 prazas dispoñibles para cada curso. Os ámbitos profesionais futuros ao rematar os estudos céntranse sobre todo na construción, na escultura, na restauración e na rehabilitación. E para optar aos estudos de mestre/a de cantería, é necesario ter o título de cantería e son dous anos de formación. Son tamén 25 prazas por curso.

Os estudos que realizan as alumnas e alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos e supoñen a realización de múltiples obras e traballos durante o tempo de formación. Moitas destas obras, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas rematan en lugares de toda Galicia, de toda España e tamén do estranxeiro, como en Brasil, México, Arxentina, Panamá ou Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas da Escola chegaron a traballar en sitios emblemáticos de todo o mundo, coma na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, así como actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago, de Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.

Deja un comentario