+034 986 09 02 04 Venres 24 de Novembro de 2017

Cores Tourís comprobou o remate das obras de mellora do CEIP Pedro Antonio Cerviño en Campo Lameiro


Estes traballos tiveron un orzamento de 40.000 euros e consistiron na reforma das carpinterías interiores de madeira, a substitución das portas das aulas e a reforma da cuberta á entrada principal

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Campo Lameiro para analizar co alcalde do municipio, Julio G. Sayáns, o remate das obras de mellora da carpintería interior que se están a realizar no CEIP Pedro Antonio Cerviño.

Durante a visita, o responsable territorial e o alcalde analizaron as necesidades deste centro en compaña do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares.

Os traballos, que consisten na reforma das carpinterías interior de madeiras, a substitución das portas das aulas e á reforma da cuberta á entrada principal do centro, contan cun orzamento de case 40.000 euros, aportados entre a Xunta de Galicia e o concello de Campo Lameiro.

Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas outras melloras no centro como a reforma da instalación eléctrica “contando cun investimento de máis de 50.000 euros”, segundo explicou o delegado territorial.

Cores Tourís destacou que nos últimos anos levase investido case 62.000 euros por parte da administración autonómica nas melloras do CEIP Pedro Antonio Cerviño.

A Xunta de Galicia está a realizar un importante esforzo no presente ano na mellora dos centros educativos da provincia de Pontevedra. “En total lévanse invertido máis de un millón e medio de euros no acondicionamento e reforma dos centros de Primaria e case 700.000 euros nos de Secundaria, sumando en total un investimento de máis de dous millóns douscentos mil euros nos centros educativos da provincia”, sinalou Cores Tourís.

Finalmente o delegado territorial destacou a colaboración por parte da Deputación de Pontevedra no eido da educación, “esperamos seguir contando coa súa colaboración e que a nova corporación se implique tanto como a do anterior presidente, Rafael Louzán. Desexamos que a nova presidenta, Carmela Silva, siga a colaborar coa Xunta de Galicia e cos concellos na mellora dos centros educativos”, engadiu.

Deja un comentario