+034 986 09 02 04 Sábado 15 de Agosto de 2020

A Fundación chinesa que visitou Pontevedra para coñecer o Revitaliza envía á Deputación unha doazón de máscaras, pantallas e traxes de protección


A presidenta e o vicepresidente agradeceron a preocupación e esforzo por colaborar que a Vanke Foundation amosou dende a chegada da pandemia a Pontevedra
A Vanque Foundation, fundación chinesa que visitou Pontevedra en outubro do ano pasado para coñecer ‘in situ’ o funcionamento do Plan Revitaliza, vén de enviar á Deputación unha doazón de material de protección fronte ao coronavirus que chegou hoxe ao Pazo Provincial. A doazón – formada por 2.800 máscaras de protección KN95, 2.000 pantallas faciais, así como 90 traxes de protección médica- foi enviada e dende China ata Madrid e entregada na cidade do Lérez por unha empresa de mensaxería.
En todas as caixas dos dous palés de material recibido figuraba unha lenda coas bandeiras española e chinesa, xunto co texto “esperamos que estas pezas e máscaras protectoras axuden á súa rexión na grave situación da COVID-19 neste momento. O amigo debe ser como o sangue, que acode logo á ferida sen esperar a que a chamen”.
A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, xunto coa técnica do Revitaliza María Martínez Abraldes, foron os encargados de recepcionar o envío, que pasará a ser xestionado polo departamento de Riscos Laborais da institución provincial. Tanto a presidenta como o vicepresidente manifestaron o seu agradecemento máximo pola preocupación e o esforzo por colaborar amosado dende a Vanke Foundation dende o momento no que a pandemia chegou a Pontevedra, así como o afectuoso escrito das caixas.
O vicepresidente Mosquera explicou que o contacto entre China e Pontevedra foi continuo -case diario- e moi afectuoso- dende o primeiro correo electrónico remitido pola secretaria xeral da entidade, Yimei Chen, o pasado 17 de marzo, pouco despois de declararse o estado de alarma. Entón, Chen escribía no seu mail: “Sentimos para ouvir que a COVID-19 está golpeando España agora tamén. A nosa visita a Pontevedra estivo chea de memorias marabillosas. Esperamos que vostedes, as súas familias e a súa comunidade estean seguras e sans. En nome da Vanke Fundación e os seus delegados, gustaríanos facerlles chegar que vostedes están nos nosos pensamentos e oracións. As consideracións máis amábeis”.
A raíz desa misiva inicial xurdiu o ofrecemento de material de protección como mostra do bo entendemento e da relación cordial entre a institución provincial e a fundación, que finalmente se puido materializar logo de diversas dificultades coas autorizacións e o envío.
A Vanke Foundation enviara a Pontevedra no mes de outubre á súa secretaria xeral, Yimei Chen, así como o outro persoal técnico, xunto a representantes oficiais do goberno chinés, unha representante da Universidade de Nanjing, tres de ONG, unha dunha empresa privada, e dúas de consultoras freelance. Todas elas participaban nunha xira por Europa para estudar os modelos máis punteiros do vello continente en canto a xestión local descentralizada mediante tratamentos biolóxicos e tamén sobre recollidas selectivas de biorresiduos en orixe. A parte relativa aos tratamentos locais descentralizados tivo o estudo do Revitaliza da Deputación de Pontevedra como eixo central.
Logo de coñecer o modelo pontevedrés de compostaxe, a propia Chen afirmaba que “cando volvamos á China teremos que adaptar o que temos aprendido aquí ás nosas propias circunstancias e contexto. Agardamos ver polo menos a parte dos que estades aquí algún día alí para que comprobedes como estamos a facer”.

Deja un comentario