+034 986 09 02 04 Sábado 15 de Agosto de 2020

O AECT Rio Minho reivindica que abrir pasos na fronteira con Portugal para persoas traballadoras “é máis urxente que a apertura xeral para o turismo”


Uxío Benítez insiste en facilitar a mobilidade laboral transfronteiriza incluso só en horarios concretos, mentres agarda comunicación oficial do suposto adianto da data para turistas

O AECT Rio Minho, a través do seu director Uxío Benítez, reivindicou hoxe novamente que a apertura de pasos na fronteira con Portugal para as persoas traballadoras transfronteirizas “é máis urxente que a apertura xeral para o turismo”. O nacionalista foi así de contundente logo do anuncio e corrección por parte do goberno central do adianto da data de autorización de fluxos de turistas vía terrestre entre España e Portugal.

Benítez, que manifestou está á espera dunha confirmación oficial de se se mantén o 1 de xullo ou o 22 de xuño para a libre circulación entre ambos países, destacou que ese anuncio, en calquera caso, non é suficiente para solucionar os problemas que vive a cidadanía da ‘raia’. Destacou que, independentemente de que se adiante ou non para o turismo a data de apertura das fronteiras entre España e Portugal, “a situación máis inxusta é a do persoal laboral transfronteirizo”.

“Hai unha serie de traballadores e traballadoras que non poden acceder aos seus postos de traballo, teñen que percorrer distancias quilométricas e iso é prioritario da apertura xeral que se está a valorar por parte dos estados. Iso é máis urxente, atende a unha realidade imperiosa, que é a do rio Miño transfronteirizo, onde hai Eurocidades nas que hai relación comercial, económica e social a ambos lados moi intensa”, insistiu.

O director do AECT subliñou que a apertura dos pasos para as e os traballadores debe facerse de maneira inmediata e gradual e, en ningún caso, pode agardar nin ao 22 de xuño nin ao 1 de xullo. Puxo sobre a mesa a posibilidade de que os estados español e portugués habiliten incluso a apertura da fronteira en franxas horarias que faciliten a mobilidade laboral, marcando horas no primeiro momento da mañá, no mediodía e a última hora da tarde.

“Precisamos unha solución inmediata. Traballadoras e traballadores téñense que mover por obriga e estase a cargar sobre eles o custe de non habilitar uns xendarmes e gardas civís por parte do Estado. É unha situación inxusta”, insistiu, lembrando que alcaldes e alcaldesas do Alto e Baixo Miño continuarán as mobilizacións se non se dan solucións á situación que se leva reivindicando dende o mes de abril.

En calquera caso, e de confirmarse o adianto da apertura xeral de fronteiras, dende o AECT valórase positivamente porque en certa medida os gobernos percibiron a indignación da fronteira polas protestas realizadas. “Agardamos confirmación oficial”, subliñou Benítez.

Deja un comentario