+034 986 09 02 04 Sábado 15 de Agosto de 2020

A Deputación de Pontevedra destina case 3 millóns e medio de euros ao fomento de emprego da formación e o emprendemento


A institución provincial dá o pistoletazo de saída á segunda edición dos programas “O teu primeiro emprego” e “TIC Emprendes”

Carmela Silva “Son dous proxectos de enorme relevancia e máis neste momento onde a crisis sanitaria deixa moitos problemas económicos e ligados ao emprego”

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o plan de fomento da empregabilidade na provincia “O teu primeiro emprego 2020”, e as bases do proxecto formativo “TIC Emprendes” que regulan a selección de participantes e as axudas económicas para este proxecto formativo. “Hoxe estamos aportando case 3 millóns e medio de euros a dous proxectos de enorme relevancia e máis neste momento onde a crisis sanitaria deixa moitos problemas de carácter económico e ligados ao emprego”, subliñou Carmela Silva.

“O teu primeiro o emprego”, cun orzamento de máis de 2.600.000 euros, chega por segundo ano consecutivo, substituíndo ao antigo Plan de Práctica Laboral, e aliñándose co Plan director por un Traballo Digno co fin de “garantir condicións laborais dignas para a poboación que se incorpora ao mercado laboral”. Tal e como destacou a presidenta da Deputación, este plan busca mellorar a empregabilidade da poboación moza da provincia facilitando que persoas universitarias e de ciclos superiores poidan acceder a un primeiro emprego ao nivel dos estudios cursados que lles computa para a vida laboral, adquirir experiencia, percibir un salario digno, e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

Carmela Silva continuou explicando que, ao igual que o ano pasado, os contratos en prácticas terán unha duración de seis meses prorrogables a outros seis e o proxecto estará estruturado en catro programas de actuación: O teu primeiro emprego na Deputación de Pontevedra, nos concellos, nas empresas e corporacións sectoriais, e en organizacións non gobernamentais. Neste senso, no caso de concellos e Deputación as bases serán aprobadas no primeiro semestre deste ano e a presidenta avanzou que “imos apostar moito máis pola inclusión social e fomentaremos o acceso das persoas con diversidade funcional ás distintas prazas que se oferten”.

No que respecta a “TIC Emprendes”, conta cun orzamento de máis de 700.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e está destinado a 390 persoas mozas, de entre 16 e 30 anos, daqueles concellos da provincia que máis sofren o déficit demográfico. Neste eido, o obxectivo é fomentar o emprendemento entre a xente máis nova, promover a formación cara ao emprego e “loitar contra o despoboamento propoñendo alternativas que fixen á poboación moza nas zonas con maiores problemas demográficos”, resaltou Silva.

Ademais, a presidenta provincial sinalou que este programa ten como metas que “o 15% das persoas mozas participantes comecen unha iniciativa emprendedora, que o 30% obteña un emprego e que o 80% permaneza no seu lugar de residencia”. Ao abeiro deste proxecto desenvolveranse 26 accións formativas impartidas en torno a 11 itinerarios, que está previsto que comecen no mes de setembro. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o primeiro día hábil seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria das bases no BOPPO e rematará quince días hábiles antes do comezo de cada acción formativa.

Os 31 concellos que compren cos baremos demográficos para entrar no programas son: A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Portas, Pontecesures, Catoira, Cuntis, Valga, Forcarei, Silleda, Agolada, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Mondariz, Mondariz-Balneario, Covelo, As Neves, Arbo, A Cañiza, Crecente, Oia e O Rosal.

Deja un comentario