+034 986 09 02 04 Sábado 15 de Agosto de 2020

No Día Mundial do Medio Ambiente a Deputación lanza “bosques terapéuticos” un novo programa de “conexión íntima coa natureza”


Serán visitas guiadas a cinco parques forestais da provincia en Fornelos, Ponteareas, Bueu, A Guarda e Oia nas que as persoas poderán darse “baños de bosque” e coñecer os elementos patrimoniais destas paisaxes

Carmela Silva: “É hora de políticas valentes que lideren o cambio na relación co medio ambiente. A transición ecolóxica non é unha opción, é unha obriga porque trala COVID-19 ninguén pode dubidar que hai que facer as cousas doutra forma”

A Deputación de Pontevedra celebra hoxe o Día Mundial do Medio Ambiente coa presentación dunha nova iniciativa que, como destacou a presidenta Carmela Silva, invitará ás persoas a “unha nova forma de relacionarnos intimamente coa natureza”. Deste xeito, “Bosques Terapéuticos” é un programa que nace para “conxugar natureza, exercicio, saúde, cultura e historia” e que promoverá durante este verán as visitas guiadas interpretativas a cinco parques forestais da provincia: Freaza (Fornelos), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Costa de Oia e Serra da Groba (Oia). Os promotores da idea, que vai desenvolver a Deputación, son o recoñecido artista Sergio Portela, a experta Isabel Fernández e o enxeñeiro forestal Alfredo Agra, todos eles ligados na súa traxectoria aos valores de sustentabilidade,

Carmela Silva puxo en valor aos promotores desta iniciativa subliñou nesta efeméride do 5 de xuño que “é a hora de que os valores medioambientais formen parte da acción política, de ser serios e tomar decisións de pasar da palabrería á acción” para facer fronte aos graves problemas como a perda da biodiversidade, os incendios ou o desmesurado consumo humano “que fai que sexa insostible o noso actual modelo”. “É a hora dos políticos e as políticas valentes e de que se poñan a liderar o cambio _dixo_ e defender outros modelos. Se moitos xa considerabamos que iso había que facelo, despois da COVID-19 ninguén pode poñer en dúbida que vai cambiar a especie humana. Porque este coronavirus como moitos outros veñen derivados da perda da biodiversidade entre outras cousas. Polo tanto hai que tomar decisións valentes. A política precisa de facer as cousas doutra forma, porque hai moitos retos e temos que estar moi preocupados pola acción da humanidade na natureza”.

Nesta liña na que leva xa traballando cinco anos a Deputación se enmarca o programa “Bosques Terapéuticos”, un proxecto que conxugará as visitas guiadas aos cinco parques forestais coa interpretación dos elementos patrimoniais que albergan, como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. “Imos ofrecer ás persoas que queiran participar a posibilidade de desfrutar cos sentidos de auténticos baños de bosque, un proxecto novidoso en Galicia e en España, aínda que teñen tradición nos países orientais como Xapón ou os do norte de Europa, nun programa que está tamén moi ligado ao territorio, a ese patrimonio extraordinario que está nos nosos parques forestais, con petróglifos, patrimonio arquitectónico, tradicional. Un patrimonio que herdamos pero que seguimos a construír”.

É un proxecto que “nace para quedarse porque só se defende o que se ama”, e que neste verán, do 18 de xullo ao 27 de setembro, ofrecerá un total de trinta visitas aos parques, seis a cada uno, aptas para todos os públicos e cun total de 450 prazas (15 por ruta polas restricións derivadas da COVID-19). Carmela Silva explicou que a iniciativa tamén está ligada ao modelo da Deputación de turismo sostible. “Queremos dicirlle _sinalou_ á xente que siga o seu instinto, que o instinto nos leva a relacionarnos directamente coa natureza e deixar que forme parte fundamental da nosa vida. Hoxe a xente quere vir a lugares que sexan respectuosos coa natureza ”.

Cada unha das rutas terá un tema central, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre o que xirará toda a actividade, que estará guiada pola Isabel Fernández, experta en proxectos relacionados coa difusión e interpretación do patrimonio e o turismo sostible. “En cada unha das rutas haberá polo tanto _engadiu Silva_ unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos “Bosques Terapéuticos”, onde se vai fomentar o uso dos sentidos, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre baixo a premisa da conservación e do absoluto respecto as medidas sanitarias actuais. Amais, na súa intervención a guía apoiarase en cada ruta con diversos recursos como fotografías antigas, e obxectos que van axudar a ter unha experiencia vital, individual y colectiva nestes bosques”.

Os parques elixidos forman parte do programa de recuperación e posta en valor destes espazos que financiou a institución provincial nos últimos anos. A presidenta tamén incidiu en que “unha parte moi importante da nova economía vai estar ligada á natureza, que ten valores que podemos desenvolver sendo moi respectuosos coa contorna e traballando para melloralos e deixar unha pegada humana do século XXI”.

Pola súa banda, Sergio Portela destacou na súa intervención destacou que “Bosques Terapéuticos” “é un proxecto que ten un vínculo intenso coa natureza e a cultura, porque nós podemos falar dunha paisaxe cultural en Galicia e queremos dar a coñecer que temos un patrimonio cultural bestial que ten que ir combinado con ese lecer na natureza”. Sinalou que son parques forestais “moi diversos e imos facer unha selección de contidos acorde con ela”.

Na presentación telemática do proxecto estiveron presentes varios alcaldes dos concellos nos que están situados os parques forestais aos que a presidenta da Deputación agradeceu a súa colaboración e continuo compromiso no mantemento da súa contorna, “porque da gusto contar con cómplices para cambiar o mundo, e o mundo só se cambia desde o local”. Neste senso, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou que o proxecto “é o reflexo dunha Deputación que conta e escoita aos concellos e nos fai partícipes dos proxectos”. Ademais, asegurou que “coincidimos coa visión desta iniciativa, que conxuga a protección do medio ambiente co goce e desfrute dos espazos naturais, porque a conservación parte do coñecemento e recoñecemento por parte da cidadanía destes espazos”. Pola súa banda o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, tamén enxalzou a proposta que cualificou como “fantástica”. Para Lomba “nestes tempos de pandemia e nova normalidade, este proxecto vai ser aínda máis notorio porque vai permitir desfrutar do monte participando nunha actividade segura, familiar, relacionada co territorio”. En representación das comunidades de montes, ás que Carmela Silva tamén agradeceu a súa implicación, “porque fan ademais un traballo imprescindible a cambio de nada, son os que manteñen estes parques en condicións para que os poidamos desfrutar”, exerceu de voceira Susi Rodríguez, presidenta da de Ponteareas, quen amosou o seu “entusiasmo” ante “estas ideas que nos fan tanta falta, nas que se conxuga natureza e patrimonio cultural”.

Deja un comentario