+034 986 09 02 04 Sábado 15 de Agosto de 2020

A Deputación aproba o convenio con Redondela para o ensanche e mellora da seguridade viaria entre Os Valos e Guizán


Esta actuación vai transformar a vía provincial para promover os principios de accesibilidade, seguridade viaria e mobilidade urbana sostible

O ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2906 entre Os Valos e Guizán, no concello de Redondela, recibirá unha inxección de 402.341,49 euros da Deputación de Pontevedra tal e como se desprende do convenio co concello de Redondela que vén de aprobar o goberno de Carmela Silva. Deste xeito, a través desta actuación, que financiará integramente a institución provincial a través de fondos propios (281.639,94 euros) e das achegas do Plan Concellos dirixidas a Redondela (120.702,45 euros), vaise transformar a vía provincial entre os puntos quilométricos 2+180 e 2+920 baixo o decálogo de mobilidade urbana sostible e o compromiso coa construción dunha sociedade onde as persoas sexan o centro de todas as accións, centrándose na accesibilidade, en facilitar a convivencia entre peóns, ciclistas e vehículos e garantindo a seguridade viaria.

A través da intervención, modificarase a sección da estrada que conecta os núcleos de Os Valos e Guizán nun tramo de 740 metros, con solucións destinadas á mellora da mobilidade e calmado de tráfico, executarase unha beirarrúa peonil, ampliarase a beiravía e crearase un carril peonil e ciclista nun prazo previsto de cinco meses. Amais, a actuación pretende minorar a velocidade do tráfico, a 30 quilómetros por hora, mellorando as condicións de seguridade peonil, así como coa correspondente redución dos niveis de ruído, gases de efecto invernadoiro e emisións de CO2.

A parte inicial da actuación contará cun tratamento particular coa execución dunha beirarrúa peonil na marxe dereita. A continuación, na zona con maior densidade de edificacións proxectarase unha zona de convivencia entre peóns e vehículos con velocidade limitada a 20 quilómetros por hora. Desde este punto desenvolverase a solución xeral, baseada nun novo carril de uso compartido para peóns e ciclistas e na redución de velocidade da estrada a 30 quilómetros por hora. Así, a calzada pasará a ter dous carrís de 2,8 metros de ancho e 2,5 metros adicionais para a senda. Amais, o proxecto contempla a renovación da sinalización horizontal, a instalación de redutores de velocidade e pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria, así como o soterramento da rede de alumeado e telecomunicacións, e a adecuación das infraestruturas existentes para garantir o axeitado funcionamento baixo criterios de uso peonil e eficiencia enerxética. A través da actuación prevista para a estrada mellorarase a problemática existente, baixo os parámetros de seguranza viaria, fomento da convivencia entre os medios de transporte e sistemas de desprazamento, accesibilidade, reparto equitativo do espazo público e mobilidade universal.

Deja un comentario