+034 986 09 02 04 Luns 24 de Setembro de 2018
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Sexto Edificio do museo estrea rotulación trilingüe nas súas catro plantas


Cada espazo estará diferenciado cun código de cores

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra estreará esta semana a nova rotulación trilingüe das súas catro plantas. A nova sinalización inclúe información en galego, castelán e inglés dos contidos de cada un dos espazos do edificio, indicando aos visitantes o tipo de pezas que atopará en cada planta, así como a localización do salón de actos ou os aseos, entre outros. Ata o de agora esa información estaba só en galego.
Durante a mañá de hoxe os operarios da empresa ‘Zeika 55’, encargada do deseño e instalación dos novos rótulos, iniciaron a montaxe. Instalaranse 32 carteis e monolitos informativos que seguirán un código de cores en función da planta do edificio. A lingua predominante (con textos en maior tamaño) seguirá sendo o galego, pero incluiranse as traducións ao castelán e ao inglés (marcadas con sendas bandeiras) para facilitar a comprensión a visitantes foráneos.
Na planta baixa a cor utilizada será a azul. Na entrada ao edificio xa está instalado un cubo informativo e tres paneis de grandes dimensións que indican a existencia dunha área arqueolóxica con vestixios do século XV. Ata o de agora non existía cartel algún que levase aos visitantes á muralla medieval recuperada trala escavación realizada durante a construción do Sexto Edificio, polo que a maior parte do público deixaba sen visitar este área. Na planta baixa tamén se instalaron outros rótulos para indicar o salón de actos e os aseos.
A primeira planta, na que hai pezas de arte galego e español dende o gótico ao neoclasicismo, estará sinalizada con oito carteis e un monolito triangular en tons lila. A segunda planta, con pezas de arte galega e española do século XIX ao XX (Castelao, Manuel Quiroga…) tamén estará sinalizada con outros oito carteis e un monolito triangular, neste caso de cor amarela. A última planta, con arte galega e española máis contemporánea (do século XX e XXI) estará sinalizada en cor verde.
Os carteis están formados por pranchas de metal e PVC con vinilos sobrepostos ou ben por vinilos directamente colocados sobre as paredes existentes.
A súa instalación foi encargada pola directiva do Museo provincial tras detectar que os visitantes do Sexto Edificio precisaban máis información para poder dirixirse ás plantas que desexaban visitar. Así mesmo, moitos dos usuarios do centro botaban en falta que esa información fose máis accesible para visitantes estranxeiros, pois o seu número estase incrementando paulatinamente. O deputado responsable de Cultura, Xosé Leal, que visitou onte os traballos de colocación, asegurou que “era interesante que a información xenérica do edificio se facilitase de xeito máis visual”.
Os traballos de rotulación do Sexto Edificio continuaranse a medio prazo, mellorando e aumentando a cartelería dentro de cada unha das salas de cada planta. Tamén se pretende renovar a sinalización interior do ascensor e publicar trípticos ou folletos explicativos do inmoble en xeral, con planos de planta e ubicación para que os visitantes poidan decidir dende un primeiro momento que pezas queren coñecer e personalizar o seu percorrido dende a chegada.

Deja un comentario