+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

Concello da Lama reforza os seus servizos e capacidade operativa a través da contratación de 13 persoas dentro do Plan Concellos da Deputación


O Concello afronta a limpeza de espazos comúns en todas e cada unha das parroquias, nas praias fluviais e zonas de baño da Ponte Verdugo, Cambeses, Os Prados e Gaxate e zonas de lecer anexas a estes espazos. Tamén están realizando rozamentos de viais municipais, mantemento xeral e servizos municipais

 

Un total de 13 traballadores incorporánronse estes días á plantilla de operarios do Concello de Lama grazas á liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Deste xeito esta administración local reforza os seus servizos e capacidade operativa para poder conservar e manter o funcionamento de bens e servizos municipais durante os vindeiros seis meses.

Grazas á incorporación destes traballadores o Concello estase priorizando, neste momento, a limpeza urxente para aproveitar o bo tempo nas praia fluviais de Ponte Verdugo, Cambeses, Os Prados e Gaxate así como espazos comúns en todas e cada unha das parroquias, viais de titularidade municipal e traballos de mantemento en xeral.

Limpáronse xa os parques biosaudabres de Covelo e Seixido e tamén o do entorno da igrexa, no centro da vila da Lama. Estes traballos intensificaranse nos vindeiros días e chegarán a todas e cada unha das parroquias que conforman o municipio tal e como se ven facendo desde hai anos.

Na edición deste ano o Concello da Lama contratou a dous operarios de limpeza, outros dous de movementos de terra, 7 peóns forestais, un conserxe de mantemento e atención do pavillón municipal e un auxiliar administrativo de reforzo para as oficinas do Consistorio.

No caso das operarias de limpeza están contratadas por 20 horas e durante seis meses, o 53% da xornada laboral, mentras que os operarios de movementos de terras, o conserxe e os 7 peóns forestais terán unha vinculación laboral co Concello da Lama do 80% da xornada laboral, con 30 horas semanais e unha duración do contrato de seis meses. En canto ao auxiliar administrativo, estará contratado o 100% da xornada laboral e por un espazo de medio ano.

Os candidatos seleccionados para desempeñar estas funcións son persoas que estaban en situación de desemprego e que foron remitidos ao Concello da Lama desde a Oficina de Emprego (tal e como determinan as bases definidas pola Deputación e están publicadas no BOP), quen envía un mínimo de tres candidatos por posto a cubrir. A relación de aspirantes, os seus nomes e puntuación nas distintas probas de selección, foi feita pública a través do taboleiro de anuncios situado na planta baixa do Consistorio.

As persoas que remite a oficina de emprego foron examinados por un tribunal técnico composto por persoal dos concellos da Lama e de Cerdedo-Cotobade de acordo coas bases que rexen este procedemento e que se axustan á normativa vixente en materia de contratación de persoal para as administracións públicas.

Os candidatos son sometidos a entrevistas/ probas prácticas relacionadas co posto para desempeñar e que son previamente coñecidas polos aspirantes. Este sistema de selección con entrevista/proba práctica, que figura especificada no prego de bases, garante a igualdade de oportunidades dos preseleccionados pola oficina de emprego que son examinados por un tribunal estritamente técnico.

O Plan de Emprego da Deputación é unha posibilidade que ten o Concello da Lama de poder contratar persoal xa que a normativas para a estabilidade orzamentaria fan imposible outra forma de ofertar postos de traballos por parte desta administración local.

O alcalde, Jorge Canda, salientou como moi importante para os concellos modestos que a Deputación siga desenrolando accións que favorezan a contratación de persoal que axude ao mantemento e conservación de espazos públicos, así como o funcioamento de bens e servizos municipais xa que doutro xeito sería moi complicado atender tódalas demandas que neste sentido se poden plantexar en concellos modestos do interior da provincia de Pontevedra.

Deja un comentario