+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

A Xunta destinará 725.158 euros para mellorar infraestruturas turísticas en 32 concellos da provincia de Pontevedra


Estas axudas permitirán poñer en valor a riqueza histórica e paisaxística do rural
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura notificou aos 32 concellos que o solicitaron que son beneficiarios das axudas para a posta en valor da riqueza histórica e paisaxística do rural na provincia de Pontevedra. Na comarca do Baixo Miño beneficiaranse os concellos de Tui e Oia, cun total de case 50.000 euros.
A Xunta destinará así un total de 725.158,92 euros a 32 concellos da provincia de Pontevedra co obxectivo de impulsar actuacións de posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do rural con 4,2 M€.
No caso concreto do Baixo Miño, estas axudas permitirán mellorar infraestruturas turísticas no concello de Tui, con 17.846 euros, e potenciar os roteiros da Valga en Oia, con 29.650 euros.
Estas axudas permitirán aos concellos beneficiados sufragar entre outras, accións de embelecemento dos accesos e bens declarados de interese cultural, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos ou recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional entre outras, co que se pretende seguir impulsando Galicia como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago.
Retómase así a liña de subvencións convocada en novembro pola Xunta de Galicia, e que tivo que ser paralizada pola crise sanitaria da covid-19, a través dunha nova fórmula administrativa cos concellos que a solicitaron que pasarán a xestionarse a través de convenios para axilizar a tramitación, pactando os obxectivos das achegas para adaptalos a cada caso particular, garantindo así a súa execución.

Deja un comentario