+034 986 09 02 04 Venres 30 de Outubro de 2020

Carmela Silva: «O Rosal é un concello que apostou polo cambio e co que estamos a colaborar para que as persoas sexan o centro de todo»


 

A Presidenta provincial e a alcaldesa estrearon a nova senda da EP 3302, visitaron a escultura do Gaiteiro ubicada fronte ao Auditorio e celebraron a semana do Orgullo

Carmela Silva confirmou a Ánxela Fernández que o proxecto para a esperada senda peonil que unirá Tabagón e Goián será aprobado proximamente polo goberno. Ambas as dúas políticas coincidiron: “Será unha referencia na mobilidade da provincia”

Poñer en valor as potencialidades “dun territorio extraordinario do Baixo Miño” e supervisar as últimas actuacións da Deputación na vila, foi o obxectivo da visita desta semana da presidenta provincial Carmela Silva ao concello do Rosal.
Acompañada pola alcaldesa Ánxela Fernández, a presidenta da Deputación estreou a nova senda peonil da EP 3302 e confirmou o avance do ambicioso proxecto para a urbanización e humanización do tramo Tabagón-Goián, “que se converterá nun referente da mobilidade na provincia”.
Ambas as dúas mandatarias percorreron un tramo da senda feita na EP 33o2 que conecta Valdemiñotos e San Miguel de Tabagón, senda peonil feita en formigón coloreado de case 600 metros que foi financiada cun orzamento de 178.743,39 euros, un 80% pola Deputación e un 20% o Concello. O proxecto xa rematado establece un itinerario peonil segregado do tráfico, aportando alternativas para a
veciñanza co modelo de mobilidade sostible e segura da Deputación. ”O gran espazo ten que ser o espazo público, que é o espazo das persoas, dixo Carmela Silva. Esta senda é unha mostra clara da aposta que ten a alcaldesa do Rosal e o seu goberno, e que ten a Deputación de Pontevedra de construír unha provincia que sexa unha referencia en mobilidade, en peonalizacións, en que as persoas sexan as que poidan transitar polo espazo público. Nós somos moi conscientes de que os vehículos teñen que ter o seu espazo para moverse e transportar, pero as persoas teñen que ser o centro”, sinalou. Carmela Silva tamén confirmou na súa visita que o gran proxecto de mobilidade peonil para O Rosal, a ambiciosa mellora da EP 3303 entre Tabagón e Goián, segue co seu avance e que proximamente xa será aprobado polo goberno para proceder á firma e saír despois a licitación. O obxectivo para estes case dous quilómetros é mellorar a comunicación entre os núcleos de Tabagón e As Eiras, así como con Goián, para fomentar a vida rural e mellorar a comunicación dunha maneira sostible, potenciando unha alternativa ao vehículo privado e dándolle prioridade ás persoas. Esta primeira fase suporá un importante investimento de 650.000 euros, financiado nun 80% pola Deputación en un 20% polo Concello .
A presidenta provincial se mostrou convencida de que “este proxecto será un elemento de referencia en toda Galicia e no conxunto do Estado porque fará que un espazo intransitable para a xente vaia converterse nunha vía de conexión pola que as persoas poidan transitar e que, ademais, una dous concellos que teñen tanta vida conxunta, xa que O Rosal vive con Tomiño e Tomiño vive co Rosal”.
Silva insistiu en que “é, seguramente dos proxectos máis potentes que vai desenvolver a Deputación na provincia. Hoxe para min é un día de alegría porque estou convencida de que as administracións públicas teñen que estar ó servizo dos dereitos das persoas en todos os lugares e moito máis, engadiu, naqueles que foron máis abandonados por outras administracións tendo un enorme potencial”.
“Que saiban que vai haber agora outra grande actuación entre O Rosal e Tomiño, unha conexión que transformará as infraestruturas en espazos de mobilidade, accesibilidade e recuperación de espazo para que as persoas transitemos con seguridade e desfrutando do entorno. Isto non só vai servir para que a xente do Rosal e do Tomiño poidan sentir esa relación dunha forma propia do século XXI, senón que vai traer a moita xente para facer actividades vinculadas ó sendeirismo, ó goce do espazo verde, e ao coñecemento do territorio”.
Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal coincidiu coa presidenta en que “estamos camiñando cara unha transformación do concello, por exemplo en mobilidade, un camiño que percorremos xuntas e que compartimos totalmente“. Ánxela Fernández agradeceu o compromiso de Carmela Silva, “que se materializa hoxe pero tamén coa iniciativa da nova senda que conectará Tabagón, Eiras e Goián, o que vai supoñer un cambio entre núcleos do entorno rural e que eu penso que vai ser unha clara transformación do que é a comunicación”. A alcaldesa subliñou que “é moi probable que unha gran parte dese turismo que vén ligado ó Camiño de Santiago remate nesta senda, polo que vai supoñer a transformación dunha vía provincial que inicialmente naceu coma unha necesidade para o tráfico rodado e que comunicaba o sur do Baixo Miño co norte, con Tui, e que hoxe conta con vías alternativas. Polo tanto, precisamos que todos os veciños e veciñas teñan alternativa para poder desprazarse a pé sen perigo”. Fernández reflectiu ao dicir que “se a COVID puxo algo de manifesto foi que durante tres meses o espazo natural gañoulle terreo a moitos espazos que tiñamos normalizados como espazos
humanizados. O que temos que aprender desta realidade é a valorar o que é importante, a natureza e o entorno natural, ás persoas por diante dos coches, que teñen que ter os seus espazos pero que nunca teñen que comer a realidade do que é importante, que son os seres humanos e a natureza”, rematou.
A presidenta provincial e a alcaldesa tamén profundaron nas sinais de identidade do Rosal, “un territorio cheo de oportunidades no que hai que apoiar ao viveirismo como estamos a facer coa planta ornamental e a flor cortada, ao potente sector dos viños que son dos mellores do mundo, ou a sumar sinerxias co feito de ser unha zona transfronteiriza”
Parada no Gaiteiro e adhesión á Semana do Orgullo No seu percorrido, a presidenta e a alcaldesa visitaron tamén a escultura do “Gaiteiro Rilo de Betanzos”, que formou parte da mostra “Nado en Pedra” da Deputación que agrupaba 17 pezas representando diferentes oficios, elaboradas por alumnado da Escola de Cantería e que se puido ver na vila do Rosal en agosto do 2017. A figura do gaiteiro, sentado sobre o tronco dunha árbore en actitude pensativa mirando cara un lado, foi solicitada polo Concello que decidiu situala no acceso ao Auditorio da vila. O “Gaiteiro Rilo de Betanzos” foi elaborado por Nicolás Ricón cando foi alumno da Escola. Está feita en granito e conta cunhas medidas de 190 cm x 86 cm x 110 cm.
Finalmente, Carmela Silva e Ánxela Fernandez tamén sumáronse á celebración da Semana do Orgullo, e ás reivindicacións da “diversidade, o respecto, a tolerancia e a diferencia como sinais de identidade de cidades e vilas igualitarias”

Deja un comentario