+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Arranca a quinta edición de «DepoEmprende» o programa da Deputación para fomentar o emprendemento entre o alumnado


As bases para a nova edición, que terá lugar durante o curso escolar 2020- 2021, xa están publicadas e os centros educativos poderán adherirse ata o 30 de setembro

O programa volverá a dividirse nas tres modalidades de “DepoEmprende na escola”, “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na FP

A Deputación de Pontevedra vén de publicar as bases reguladoras da quinta edición de “DepoEmprende”, o programa da institución destinado a fomentar o espírito emprendedor no marco do sistema educativo. Esta convocatoria diríxese aos centros sostidos con fondos públicos da provincia de Educación Primaria, Especial, Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional e divídese en tres proxectos, “DepoEmprende na escola”, “DepoEmprende na ESO” e “DepoEmprende na FP, co fin de adaptarse ás necesidades de cada etapa educativa.
Os centros que o desexen xa poden solicitar a súa adhesión ao programa ata o 30 de setembro, podendo participar nun ou en varios proxectos, atendendo aos requisitos de selección segundo a súa oferta educativa. A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) e o proceso de selección será o de concorrencia competitiva atendendo ás características de cada proxecto.
O proxecto educativo “DepoEmprende na escola” está dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial e “DepoEmprende na ESO” destínase a mozos e mozas de 14 a 16 anos (3º e 4º da ESO) que estuden, preferentemente, as materias de Iniciativa á Actividade Emprendedora e Empresarial, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional ou similares. Por outra
banda, “DepoEmprende na FP” está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior que curse, preferentemente, o módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora ou similares. En cada un dos proxectos poderá participar un máximo de dez centros, e para potenciar a comunicación entre eles a Deputación de Pontevedra pon á súa disposición o Portal Educativo de DepoEmprende, que tamén ten como fin favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.
A través destas modalidades “DepoEmprende” promove dinámicas de traballo que fomenten o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsen que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe. O programa desenvolverase no curso escolar 2020-2021 cunha temporalización e metodoloxía que se adaptará ás decisións que se tomen desde as administracións públicas sobre a organización e planificación do curso escolar e a evolución da crise sanitaria derivada da COVID-19.
Amais, para o desenvolvemento eficaz de “DepoEmprende” a Deputación de Pontevedra dota aos centros participantes de formación, recursos e ferramentas.

Entre estas accións destaca unha serie de formacións para o profesorado participante durante o desenvolvemento dos proxectos. A aprendizaxe será voluntaria e terá unha duración máxima de 20 horas co fin de afondar na cultura emprendedora e facilitar a posta en marcha dos proxectos nos centros educativos.

Deja un comentario