+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

O Concello acada o informe favorable da Deputación para a creación do polígono industrial de Monte Mocín


 O pleno xa aprobou hai seis meses a modificación puntual das Normas Subsidiarias para clasificar a zona como solo urbanizable industrial
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de dar un paso administrativo decisivo para a creación do novo polígono industrial de Monte Mocín, xa que vén de acadar o informe sectorial favorable da Deputación de Pontevedra, que era preceptivo pola posible afección ás estradas provinciais, para a execución deste proxecto.
Deste xeito, o Concello está a piques de obter todas as autorizacións administrativas precisas despois de que, hai seis meses, o pleno municipal aprobara a modificación puntual número 2 das Normas Subsidarias do seu planeamento, que contempla a reclasificación de case doce hectáreas entre as parroquias de Santa María e San Xurxo de Sacos como solo urbanizable industrial para a creación dun polígono.
Este proxecto de parque empresarial, deseñado polo goberno local para aumentar e diversificar a oferta de espazos industriais no municipio, xa dispoñía previamente dun informe favorable da Xunta de Galicia correspondente coa Avaliación Ambiental Estratéxica. Agora, e a falla de que cheguen os derradeiros informes sectoriais doutros organismos, que son menos complexos, e de que se superara a fase de exposición pública, xa está practicamente todo listo para culminar esta tramitación urbanística previa e poder afrontar, dende este mesmo ano, os pasos para a execución deste complexo.
O proxecto de solo industrial de Monte Mocín afecta a 117.984 metros cadrados, dos cales 52.318 serán para parcelas industriais de uso xeral e 5.703 para proxectos niño ou en fase de creación, 1.700 para uso terciario, preto de 25.000 para zona verde e unha cifra similar para o viario. Dentro deste último apartado, contémplase a creación dunha rúa en forma de U con dous ramais anexos e catro rotondas, así como un carril-bici que ocupará 2.525 metros cadrados.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que xa informou á parroquia de Santa María como principal afectada nunha xuntanza veciñal, explicou que o polígono de Monte Mocín “é estratéxico para o territorio de Cotobade, xa que nel vanse conxugar os medios tecnolóxicos coa harmonización na contorna, a proximidade a Pontevedra e unhas boas conexións por estrada, polo que ademais complementarase perfectamente co existente na zona cerdedense do Sangal e co futuro de Folgoso, xa sectorializado pola Xunta, para poder ofrecer distintas alternativas a empresarios que estean interesados en asentarse no municipio”.

Deja un comentario