+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

Os locais de ocio nocturno e verbenas iniciarán a súa actividade o 1 de xullo con limitacións de aforo e rigorosas medidas de prevención


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, presentaron hoxe as medidas de seguridade sanitaria que deberán seguir os locais de ocio nocturno, verbenas e festas populares

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, presentaron hoxe o protocolo coas medidas de seguridade e limitacións de aforo que deberán seguir os locais de ocio nocturno, as verbenas e as festas populares a partir do 1 de xullo, cando retomarán a súa actividade que leva paralizada desde o inicio do Estado de Alarma en marzo.
O protocolo foi elaborado por expertos sanitarios e é tamén froito do diálogo e de numerosas reunións cos representantes destes sectores, que mostraron o seu compromiso con facer cumprir as medidas e recomendacións recollidas no documento.
Trátase dun protocolo gradual e reversible, no caso de que se detectaran brotes ou incumprimento das medidas. “As garantías sanitarias son o primeiro que se ten que observar”, salientou o vicepresidente.
A reanudación destas actividades articúlase en dúas fases. A primeira durará todo o mes de xullo e se regulará en base as medidas incluídas no protocolo presentado hoxe. A segunda fase comezará a partir do 31 de xullo e poderá supoñer unha ampliación do aforo, se a evolución epidemiolóxica e o cumprimento das medidas durante a fase un así o aconsellan.
En calquera caso, aínda que se poidan avaliar a ampliación de aforos, na segunda fase manteranse as restantes medidas de seguridade e prevención fixadas no protocolo.
O Protocolo establece que tanto locais nocturnos, como verbenas ou festas populares, deberán seguir as medidas xerais de prevención ante a covid-19. Isto é, mantemento de distancia interpersoal, uso de equipos de protección, hixiene e desinfección, ou ventilación.
Xa máis polo miúdo, e no que se refire aos locais de ocio nocturno, o seu interior estará limitado a un aforo de dous terzos, isto é, por debaixo do 75 por cento que está fixado para os locais de hostalería a restauración. As terrazas, que xa poden abrir actualmente, terán o aforo limitado ao 80% como o resto de terrazas. E as pistas de baile estarán limitadas ao 50% da súa ocupación.
O uso da máscara será obrigatorio dentro do local e haberá un sistema de rexistro para poder localizar aos clientes no hipotético caso de que se detectase un positivo. Este sistema de rexistro será obrigatorio en todos os locais, pero a cesión de datos por parte do cliente será voluntaria. Os datos empregaranse só para o ámbito sanitario, e non poderán usarse para fins comerciais. Neste sentido, o vicepresidente apelou á responsabilidade individual dos clientes e recordou que os datos “pídense no seu interese”.
Verbenas e atraccións de feiras
No caso da verbenas, o aforo calcularase cunha persoa por cada tres metros cadrados e haberá fixados aforos máximos. Nos espazos de 8.000 metros cadrados ou menos, o máximo serán 1.000 persoas; no caso de ter unha superficie superior, o máximo serán 2.000 persoas. Para poder facer cumprir estes aforos, será preciso que a zona do evento estea delimitada. Deberá tamén un punto de entrada e de saída diferenciados.
O escenario deberá estar a, polo menos, catro metros de distancia do público; e tanto os compoñentes das orquestras e bandas como o público deberán portar máscaras de forma obrigatoria. Serán unha excepción os vocalistas e intérpretes de instrumentos de vento, que poderán quitar a máscara durante a súa actuación.
En canto ás atraccións de feira, o aforo tamén se calculará na base dunha persoa por cada tres metros cadrados. Neste caso, o máximo será de 700 persoas nas superficies iguais ou inferiores aos 8.000 metros cadrados; e de 1.000 persoas no caso de superficies superiores.
As atraccións poderán ocuparse ata un máximo que permita manter a distancia de seguridade interpersoal e, se esta non se pode asegurar, reducirase ao 50% en cada fila (aínda que esta limitación non será de aplicación en caso de persoas convivintes). Nas atraccións que non teñan asentos, o aforo máximo será do 50 por cento. Neste caso, será tamén obrigatorio o uso de máscaras
O vicepresidente asegurou que a Xunta ía ser “moi esixente” co cumprimento dos protocolos e que estará “vixilante” para comprobar que se cumpre. Apelou á “responsabilidade individual” das persoas á hora de cumprir medidas que redundan na saúde pública e advertiu que a Xunta “reaccionará inmediatamente se hai que facelo”, en tanto esta reanudación da actividade é reversible.
Por último, adiantou que a Xunta porá a funcionar un Plan especial de vixilancia por parte da Policía Autonómica para facer comprobación de que se están a cumprir as medidas sanitarias, non só nestes sectores, senón de forma xeral.

Para este Plan pedirase a colaboración de Delegación de Goberno e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en tanto se trata dunha tarefa de “interese xeral” que é competencia de “todas as administracións”.

Deja un comentario