+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

Pontevedra, con 74 galardóns, é a provincia galega co maior número de distintivos azuis


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá no izado da bandeira azul á Praia de Portocelo, en Marín, un concello que nesta edición acadou un total de cinco bandeiras azuis para os seus areais e distintivo para dous centros azuis e para a rede de sendeiro
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que Pontevedra é a provincia galega que suma o maior número de distintivos azuis para os seus areais, centros azuis e sendeiros. Así o puxo de manifesto durante o izado da bandeira azul na Praia de Portocelo en Marín, un concello que tamén acada este recoñecemento para outros catro areais (Aguete, Loira, Mogor e Santo de Mar- A Coviña), así como para os centros azuis Centro de Interpretación de los petróglifos de Mogor e Ateneo Santa Cecilia, e para a rede de sendeiros azuis con tres treitos: Tramo Ruta das Praias, Tramo Ruta dos Cinco Miradoiros e Tramo Ruta Montes e Praias.
A conselleira tamén entregou esta mañá ás 52 bandeiras azuis que este verán ondearán en senllos areais de 11 concellos da provincia de Pontevedra, un distintivo que é un recoñecemento ao labor dos concellos galegos para manter a Comunidade galega como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2020.
Así, Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 107 (ao igual que en 2019); e que se eleva a 133 distincións sumando os distintivos ás praias, portos deportivos, aulas e centros da natureza.
Agradeceu o apoio e implicación dos 11 alcaldes da provincia, que permite a Galicia manter a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia, con 134 distincións. “A Comunidade galega segue a acaparar case un 20% das 589 bandeiras azuis totais outorgadas en España”, destacou e recordou que este distintivo é entregado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais.

Visor do IET
Con este recoñecemento, os usuarios e visitantes aos areais con bandeira azul saben que están a gozar dun areal cunha excelente calidade das augas, con seguridade e servizos, accesible para todos e nos que rexe unha atinada xestión ambiental e a sustentabilidade.

Este ano, a maiores, a seguridade sanitaria vai ser esencial, algo no que quixo incidir tamén a conselleira, quen lembrou a importancia de que se respecten nos areais as distancias establecidas así como o labor dos concellos á hora de xestionar estes espazos.
Nese sentido, Vázquez Mejuto avanzou que a partir do 1 de xullo o seu departamento porá a disposición de todos os concellos o visor de praias do Instituto de Estudos do Territorio (IET), unha ferramenta que pode resultar de utilidade a nivel municipal xa que inclúe datos sobre os metros cadrados de cada areal, o estado das mareas e ata a localización de todas as bandeiras azuis concedidas pola ADEAC en Galicia en 2020.
A conselleira tamén destacou o recoñecemento aos portos deportivos. En 2020, a provincia da Coruña é a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida por Pontevedra con cinco e un na provincia de Lugo. No conxunto da comunidade obtéñense 12 galardóns, recibindo o concello pontevedrés de Sanxenxo tres distintivos para outros tantos portos. Vazquez Mejuto tamén felicitou aos centros azuis de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa e Marín, que nesta edición tamén acadaron unha bandeira azul e felicitounos polo traballo educativo ambiental que están a desenvolver para pór en valor os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.

Deja un comentario