+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

A Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés efectúa xestións organizativas para manter a actual cobertura de atención primaria nas localidades do concello de Forcarei


Tras a xubilación dun dos tres facultativos de Medicina Familiar nesta localidade, o SERGAS manterá esta dotación de prazas médicas e persevera administrativamente para que tanto en Soutelo de Montes coma en Forcarei os cupos de Medicina de Familia e de Pediatría continúen por debaixo da media de tarxetas sanitarias por profesional con respecto ao resto da área
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a efectuar xestións organizativas para manter a actual cobertura sanitaria de Atención Primaria do Concello de Forcarei tanto na atención de Medicina de Familia coma en Pediatría. Tras a xubilación dun dos tres facultativos de Medicina Familiar nesta localidade, o SERGAS sinala que manterá esta dotación de prazas médicas á vez que persevera administrativamente para que tanto en Soutelo de Montes coma en Forcarei os cupos de Medicina de Familia e de Pediatría continúen por debaixo da media de tarxetas sanitarias por profesional con respecto ao resto da área.
A poboación con cobertura de Atención Primaria en Forcarei acada as 3.430 tarxetas sanitarias individuais -2.907 delas corresponden a poboación adulta de máis de 14 anos, e 523 tarxetas sanitarias son de nenos de ata 14 anos-. Para atender á dita poboación, a Área Sanitaria ten unha dotación neste Concello de 2 médicos de familia en Forcarei -con cupos de 902 e 870 tarxetas sanitarias individuais respectivamente- e 1 médico de familia en Soutelo de Montes con 1.135 tarxetas sanitarias.
Ditas cifras revelan que nambas localidades os cupos de Medicina de Familia atópanse moi por debaixo da media de tarxetas sanitarias por médico de familia con respecto ao resto da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que acada as 1.450 tarxetas.
Cupos e consultas de Pediatría
Así mesmo, a cobertura sanitaria de Atención Primaria desta área xeográfica conta cunha pediatra que atende a 523 nenos dos concellos de Forcarei -204 nenos- e de Cerdedo- Cotobade -319 nenos- cupos practicamente na metade da media de nenos por pediatra da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que se atopa nos 950 nenos de ata 14 anos.

Cómpre lembrar que desde a Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés se trasladou ao Concello de Forcarei a persistencia da situación de "paro cero" na especialidade de Pediatría, un escenario de dificultade común ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde que non permite acadar maior cobertura asistencial. Por esta circunstancia, o SERGAS mantén a actual distribución das consultas de Pediatría entre os centros de saúde de Forcarei e de Tenorio-Cotobade. Así, a pediatra realiza semanalmente a súa xornada dúas mañás completas en Forcarei e media xornada do venres.
Complementariamente, realiza outras dúas xornadas semanais completas e media xornada do venres no centro de saúde de Tenorio (Cerdedo-Cotobade). Aquelas situacións clínicas que non poden atenderse en Forcarei ou en Tenorio derívanse ao Servizo de Urxencias ou ao Servizo de Pediatría do Hospital Provincial de Pontevedra.
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés efectuou dita distribución en coordinación coa profesional de Pediatría que habitualmente atende ditos centros e tamén cos profesionais de Atención Primaria, mantendo un permanente apoio asistencial complementario das Urxencias Sanitarias do 061, nunha programación da actividade de Atención Primaria que mantén aos pacientes coma eixe principal da asistencia sanitaria.
Planificación estival de Atención Primaria
O Servizo Galego de Saúde lembra que dispón dunha planificación estival de Atención Primaria na súa rede de 44 centros de saúde desta Área Sanitaria -entre os que se atopan os do Concello de Forcarei- na que xestiona os recursos dispoñibles para garantir unha continuidade asistencial compatibilizando ao mesmo tempo o dereito dos profesionais ao seu descanso vacacional.
Para planificar as coberturas vacacionais dos efectivos de Atención Primaria, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera que a prioridade administrativa e organizativa é tratar de aportar substitutos. Ante a imposibilidade de cobrer a totalidade das ausencias estivais en todas as localidades -ben con profesionais das listaxes de contratación ou ben con persoal voluntario- óptase por efectuar ou prolongacións de xornada ou intersubstitucións (cando o resto de profesionais dun mesmo centro de saúde atenden provisionalmente o cupo das consultas de pacientes correspondentes ao profesional
ausente).
Precisamente polo cronograma organizativo estival planificado pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés -coa inestimable colaboración e coordinación dos profesionais dos centros de saúde e o criterio técnico da Dirección- a cobertura asistencial de consultas de Atención Primaria e a atención das urxencias extrahospitalarias -PAC- manterá no verán a súa continuidade operativa.

Deja un comentario