+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

Soutomaior únese ao plan de inserción laboral para victimas de violencia machista


O Concello contratará a dúas mulleres para facilitar a súa independencia económica e a súa integración social e laboral

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, acompañado do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá as dúas novas contratacións que o consistorio realizará grazas ao plan de inserción laboral para vítimas de violencia de xénero. A finalidade deste plan é contribuír a que
estas vítimas poidan alcanzar unha independencia económica que lles facilite unha plena integración social e laboral.
Así, durante a presentación, o alcalde explicou que as dúas mulleres que se incorporarán ao persoal municipal de Soutomaior dispoñerán dun contrato dun ano de duración cun horario de xornada completa para “dar un mínimo de estabilidade a estas mulleres e que poidan reconstruír as súas vidas deixando atrás o pesadelo da violencia machista”, indicou Reguera.
Do mesmo xeito, Alfonso Rueda indicou que se trata do programa pioneiro que a Xunta de Galicia puxo en marcha por primeira vez o ano pasado grazas ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e que permite que 38 concellos de toda Galicia contraten a un total de 68 mulleres vítimas de malos
tratos. “A idea é dar ás vítimas unha independencia económica que lles permita comezar unha nova vida afastadas dos seus agresores”, comentou o vicepresidente.
Por último, o alcalde indicou que as dúas novas traballadoras incorporaranse a postos xerais do consistorio e que non se crearán novos postos ou funcións que se poidan estigmatizar ou que sirvan para sinalar ás vítimas.
“É importante que estas mulleres poidan normalizar a súa situación canto antes, e para iso o mellor é integralas no persoal como unhas traballadoras máis, sen ocupar un debido a que lles lembre cada día o inferno que viviron”, finalizou o rexedor.

Deja un comentario