+034 986 09 02 04 Venres 10 de Xullo de 2020

Redondela contrata 8 socorristas para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias dos areais de Arealonga e Cesantes


Aos e ás socorristas engadiranse, na vindeira semana, 3 patróns e unha persoa para coordinación do servizo

O Concello de Redondela vén de pechar a contratación de 8 socorristas que garantirán a seguridade das usuarias e usuarios dos dous principais areais cos que conta o concello como son os de Arealonga e Cesantes. A estas contratacións engadiranse, a comezos da vindeira semana, outras catro persoas, 3 patróns/patroas e un coordinador/a.
Con esta iniciativa, o Concello de Redondela convértese nun dos primeiros da provincia en contratar persoal de salvamento e socorrismo para as súas praias durante a época estival.
A estas medidas encamiñadas a garantir a seguridade das e dos bañistas, o Concello redondelán engade outras específicas de cara a utilización dos areais dun xeito seguro , dentro da súa campaña de prevención e concienciación sobre a COVID-19 ‘Faino por Todxs’ que inclúe, neste caso, a instalación de carteis nos que se dan unha serie de pautas para o uso seguro das praias.
Nese sentido, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembrou que, “nestes momentos delicados nos que nos atopamos, a responsabilidade individual de todos e todas é a mellor arma para frear a expansión da COVID-19”.

Deja un comentario