+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

A AECT Da Eurorrexión organiza na Eurocidade Chaves-Verín a segunda reunión na fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse con representantes da Eurocidade Chaves-Verín para incluír as súas achegas ao Plan de reactivación á cooperación de proximidade na fronteira Galicia-Norte de Portugal, nos que participan todos os axentes da cooperación transfronteiriza

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu a unha nova reunión na fronteira entre Galicia e o Norte de Portugal, un día despois da reapertura logo de varios meses de peche. O obxectivo destes encontros é avaliar a situación creada polo peche da fronteira durante tres meses e deseñar un Plan de Reactivación que permita facer fronte a este peche.
A reunión pretende incluír as achegas da Eurocidade Chaves-Verín ao Plan de Impulso á cooperación de proximidade na fronteira Galicia-Norte de Portugal, un documento que recolle un abano de propostas cunha dobre finalidade.
Por unha banda, que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal consiga facer fronte aos retos derivados da pandemia, nomeadamente aqueles derivados do parón da actividade económica e do peche da fronteira, e, por outra parte, chegar a estar preparados, nun futuro hipotético, para evitar outro peche de fronteiras con repercusións sociais e económicas.
Na xuntanza tamén participaron o director e a subdirectora da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión, Xosé Lago e Graça Fonseca respectivamente. En representación do concello de Verín acudiu Diego Lourenzo Moura, primeiro tenente de alcalde do municipio e concelleiro de Participación Cidadá do municipio, así como secretario da mesa da Asemblea da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurocidade Chaves-Verín. Por parte da Cámara Municipal de Chaves asistiu o vicepresidente municipal e membro da mesa da AECT, Francisco de Melo. Tamén
estivo presente o director executivo desta AECT de fronteira, Pablo Rivera.

Trátase da segunda das reunións mantidas para elaborar o Plan de reactivación á cooperación de proximidade na fronteira Galicia-Norte de Portugal. A primeira celebrouse no concello de Tomiño o pasado 18 de xuño.

Deja un comentario