+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

Máis de setenta cativas e cativos comezaron un verán de aventuras no Campus Tea e no Verán Rural


Máis de setenta cativas e cativos comezaron onte un mundo de aventuras nos campamentos que a concellería de Educación, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, ofrece para facilitar a
conciliación laboral e familiar.
Sesenta nenas e nenos aprenderán xogando cada mañá nas instalacións do colexio público Nosa
Señora dos Remedio e doce o farán no centro cultural de Cristiñade.
O Campus Tea urbano e o Verán Rural son iniciativas da Concellería de Educación que dende hai
seis anos supoñen un apoio para as familias durante a tempada estival. En quendas de quince días e
subvencionados, os campametos ofrecen tamén a posibilidade de aula matinal.
Baixo a filosofía de espertar a curiosidade, de ampliar o seu coñecemento sobre a súa vila e sobre a
súa contorna e de fomentar hábitos de vida saudables e respectuosos co medio ambiente, os
campamentos de conciliación promoven actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de
lecer de calidade.
Cristina Fernández explica que no desenvolvemento dos mesmos vélase polo cumprimento das
normativas hixiénico sanitarias dividindo ademais os grupos á metade e aumentando os monitores
que tamén se verán reforzados por persoal propio do Concello e tamén en prácticas.
Engade a concelleira que para garantir a seguranza e a distancia interpersoal úsanse máis espazos
individuais para os grupos e quendas para os almorzos. As e os monitores tamén limitan o
achegamento físico ao alumnado pero tentando sempre transmitir achegamento e afectividade para
que o alumnado se sinta atendido. Traballarase, así mesmo, tendo en conta as carencias de
socialización do tempo de confinamento e observando as posibles consecuencias psicolóxicas dese
tempo.

Deja un comentario