+034 986 09 02 04 Martes 19 de Xaneiro de 2021

O Concello completa o financiamento para rehabilitar o antigo centro médico de Carballedo para vivendas sociais


A actuación neste histórico inmoble de 1920 consistirá na demolición de elementos deteriorados e a restauración integral do interior con accesos
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de completar a consecución do financiamento para executar un novo proxecto en materia de vivenda consistente na rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo, que actualmente apenas se usa como espazo municipal de almacenamento, para a súa conversión en casas que se poñerán no mercado baixo o formato de alugueiro social co obxectivo de permitir o asentamento de familias con poucos recursos.
Esta actuación, deseñada por Manuel Antonio Silvares, permitirá crear catro vivendas neste histórico inmoble, que data de 1920 e foi unha escola antes de ter uso sanitario, grazas a un investimento global de 423.000 euros. O proxecto xa contaba, dende hai un mes, cunha primeira subvención de 192.000 euros por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao abeiro da liña de axudas do programa de rehabilitación de edificios de titularidade municipal da Xunta. E na xornada de hoxe recibíuse a aprobación da partida restante, de 231.000 euros, por parte da Deputación ao abeiro do Plan Concellos. Agora, só resta a obtención do correspondente permiso de Patrimonio para proceder á súa licitación e contratación.
O edificio é de planta baixa con baixo cuberta, estrutura de catro augas e forma rectangular con acabados de pedra e enfoscado branco que se atopa nunha parcela pechada e dispón de accesos polas dúas fachadas, as escaleiras e un porche cuberto.
No mesmo procederase inicialmente á demolición dos elementos deteriorados e partes alleas á finalidade de proxecto, o reforzo da estrutura, a retirada de materiais e unha limpeza xeralizada co propósito de favorecer a nova distribución para o seu uso residencial.
Posteriormente, emprenderanse os traballos de tabicaría, creación de accesos individuais ás catro vivendas, instalación de carpintaría exterior e interior, dotación de servizos e sistemas de calefacción, falsos teitos, renovación da cuberta, chimeneas de ventilación, renovación de solos e alicatados, subministro de loza sanitaria e instalación de antena de televisión, así como da limpeza das fachadas, acondicionamento dos muros e da xardinaría da parcela e emprazamento de luminarias exteriores.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou, tras pechar a consecución do financiamento, a capacidade, as xestións e inxenio do goberno local para artellar unha negociación con dúas administracións que permitíu acadar o orzamento necesario e resaltou a importancia deste proxecto, “xa que nos permitirá poñer no mercado, baixo un formato social, unha ducia de vivendas, xa que a estas catro de Carballedo engadiranse as oito antigas casas dos mestres de Cerdedo cuxa restauración vén de ser adxudicada pola Xunta e cuxas obras están a piques de iniciarse”.

Deja un comentario