+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

O Concello do Grove presenta a súa Programación Cultural do Verán 2020


A pesares da complicada situación vivida nos pasados meses, o Concello do Grove quere reactivar  a actividade cultural mantendo as citas tradicionais do verán do Grove como os Xoves Culturais, o Cinema ao aire libre ou as actividades infantís.
O Concello do Grove porá en marcha a próxima semana a programación cultural do verán. Neste caso trátase de actividades que se axustarán ás medidas establecidas para garantir a seguridade e protexer tanto ao público como aos artistas como o persoal que participa. Deste xeito, mantéñense as citas tradicionais como os contacontos dos martes que, para este ano, organizaranse tanto na Biblioteca Municipal como na Axencia de Lectura de San Vicente, contando con prazas limitadas e con inscrición previa para garantir a seguridade adecuada.
Ademáis das actividades infantís dos martes, tamén se mantén o Cinema de Verán os mércores, que traerá ao Grove éxitos de pantalla para todos os públicos. Neste caso tamén sera preciso un cambio de ubicación para garantir a distancia de seguridade, de tal xeito que terá lugar na Praza do Corgo. Neste mesmo lugar mantéñense os Xoves Musicais, que este ano terán un carácter marcadamente local, contando coa actuación de “A Banda do Sequío”, “Acuarela”, “Fla Meco”, “Arroba de Viño”, “Cinco en Zocas”, “Carolina Rubirosa” e “Amigos do acordeón das Rías Baixas”.
A programación desenvolverase tanto no centro da localidade como en San Vicente, onde terán lugar os Venres Culturais que levará o Campo das Festas concertos e proxeccións cinematográficas, con grupos como o “Dúo Musical D2”, o “Dúo Prisma “ e “Otero & Romero” e películas para todos os públicos. Ademáis dese espazo, as Salgadoiras de Moreiras acollerá o concerto de David Chiquillo que, neste caso, tamén contará con prazas limitadas polo que será preciso contar con convite. Nese mesmo espacio terá lugar o Concerto do Quintento de Corda da Orquestra Clásica de Vigo; unha actividade incluída dentro do Programa de “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra.

Ademáis de toda a programación marcada con carácter semanal, a Programación Cultural completarase coa Exposición fotográfica “Fillos do Océano” de Javier Teniente, unha actividade patrocinada por Afundación de Abanca e que estará no Museo da Salga entre o 8 e o 29 de xullo en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas.
A celebración do Día de Galicia o 25 de xullo terá lugar este ano ás 21.00 horas na Praza do Corgo cun acto institucional que será precedido polo Concerto de Roi Casal, co espectáculo “Son galego, son Cubano” na Praza do Corgo.
O Concello do Grove mantén así o seu obxectivo de ofrecer programación cultural para todo tipo de públicos e con caracter gratuíto, mantendo a accesibilidade da mesma e buscando que todos e todas os veciños e veciñas poidan desfrutar destas actividades que, por extensión, de seguro que serán de interese para os visitantes que se acheguen ao Grove. Dende o Concello reitérase a petición de colaboración dos asistentes a estas actividades para cumprir coas medidas de seguridade gardadas sendo coidadosos e comprensivos especialmente co persoal que traballará nas mesmas.

Deja un comentario