+034 986 09 02 04 Luns 30 de Novembro de 2020

Redondela reafirma a súa aposta polos artistas locais nunha programación de verán diversa, variada e con Guadi Galego como artista convidada


A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, presentaron as actividades que estarán marcadas por rigorosas medidas de seguridade sanitaria para garantir a seguridade de todos e todas.

 

Guadi Galego, excompoñente de Berrogüetto, será a “artista convidada” do programa cultural de verán que, esta mañá, presentaron no multiúsos da Xunqueira a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa. Un programa marcado polas medidas de seguridade sanitaria que impón esta nova normalidade e por unha firme e decidida aposta polos e polas artistas locais.

Trátase, como explicaron Rivas e Boullosa, de encher o verán “de música feita en Redondela” para o que se conta, entre outros moitos, con grupos como Tanto nos ten, Tresporcatro, Airiños do Mar de Teis, Airiños da Peneda, Tanxarina, Carballo das Cen polas, Sheyla Patricia ou As Efémeras.

A programación arranca o sábado 11 de xullo na Alameda Castelao cun concerto da Xingros Big Band do Conservatorio e que inclúe tamén iniciativas novedosas como os ‘vermuts culturais’ o que se desenvolverán todos os sábados ás 12:30 horas.

Tanto a alcaldesa coma o concelleiro de Cultura subliñaron que na programación «prima a prevención pero tamén a defensa da cultura, presumindo do noso». Neste sentido, durante as vindeiras semanas haberá concertos en Redondela, Chapela e Reboreda protagonizados na súa maior parte por grupos locais «grupos e artistas de gran nivel moi afectados por este parón cultural».

Nese sentido, Digna Rivas, que felicitaba ao concelleiro de Cultura e ao seu equipo polo traballo realizado na confección da programación, aseguraba que é preciso “presumir do que temos aquí, da nosa cultura e das e dos nosos artistas” e aseguraba que, nestes momentos “é máis necesario que nunca darlles espazo e botarlles unha man porque, a cultura, foi tamén unha das grandes afectadas e contamos con grupos e artistas de gran nivel moi afectados por este parón cultural”.

A alcaldesa, e dentro desa argumentación, chamou a atención sobre o feito que nos ‘vermus culturais’, participarán algunhas das artistas que tiñan pensado facelo nos actos do 8 de marzo, “no que programábamos un ‘vermú das mulleres’ e que agora, moitas delas terán o seu espazo”. Conseguimos dese xeito, engadiu Digna Rivas “esa transversalidade entre todas as áreas, en este caso entre Cultura e Igualdade, que sempre buscamos neste Goberno”.

As actuación estarán marcadas por medidas de seguridade como separación entre espectadores e de tres metros co palco, máscaras, nenos sentados en cadeiras, hidroxel… todo o necesario para garantir a seguridade pero sen renunciar a unha programación cultural imprescindible apra traballar na recuperación económica do sector.

Unha das citas máis salientables será co gallo da celebración do Día de Galicia. Digna Rivas e Daniel Boullosa adiantaban que, tal e como se fixo xa po pasado ano “con moi bo resultado” o venres 24 de xullo haberá un concerto de fusión en Chapela cunha actuación conxunta de Pelepau e e a Banda de Música de Chapela, e o sábado 25 Guadi Galego, excompoñente de Berrogüetto, presentará o seu espectáculo Immersión no Campo da Feira.

Todos os concertos serán de balde, malia que se controlará o aforo para garantir a seguridade e, no caso concreto dos concertos de Guadi Galego e Pelepau, haberá que acudir con invitación que deberá reservarse a través dun correo electrónico.

Como quedaba dito, unha das novidades da programación serán os ‘Vermús Culturais’ unha serie de concertos –Su Garrido, 33RPM, As Efémeras, Pacíficos Errantes e Chá, cerveja e violão– que se desenvolverán os sábados de agosto ás 12.30 en diferentes ubicacións de Redondela.

A alcaldesa subliñou a importancia desta actividade que “era un importante reforzo para a hostalería e o comercio local, que sentiron con especial dureza a crise da COVID-19”

Deja un comentario