+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O concello de Pazos de Borbén ampliará o número de vestiarios do pavillón municipal de deportes


A mellora permitirá adaptarse á norma federativa que solicita 4 vestiarios para xogar varios partidos consecutivos

O Concello de Pazos de Borbén acaba de asinar o convenio de colaboración, cunha dotación de 10.000 euros, coa Xunta de Galicia para acometer a reforma dos vestiarios do pavillón municipal. A actuación servirá para aumentar o número de vestiarios do recinto deportivo e así poder disputar varios partidos seguidos.
Actualmente o pavillón municipal de deportes de Pazos de Borbén dispón de tres vestiarios, para os equipos local, visitante e o equipo arbitral. Coa creación de dous novos vestiarios, o pavillón adáptase á norma federativa que solicita ter polo menos catro vestiarios para poder programar dous partidos consecutivos.
Así, coa reforma actualizarase o vestiario do equipo local e crearán dous novos grazas á división do vestiario visitante e á actualización dun dos almacéns. Os novos vestiarios habilitaranse co mobiliario deportivo habitual, como bancos, perchas, duchas….
Os traballos de reforma comezarán nas próximas semanas para garantir que o pavillón está totalmente actualizado para o comezo da próxima tempada deportiva no mes de setembro. O edil de deportes, Fran
Amoedo, destacou a necesidade destes traballos para mellorar as capacidades do recinto. “Cos novos vestiarios poderemos programar varios partidos consecutivos sen que resulte un problema para os xogadores, que poderán cambiarse e prepararse mentres o partido anterior aínda está en xogo, sen ter
que esperar a que o equipo anterior deixe o vestiario libre”, explicou o edil, que indicou que tras a reforma “optaremos á organización de torneos nacionais e autonómicos, xa que este é un requisito imprescindible “.

Deja un comentario