+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

A Xunta supervisará na xornada electoral o cumprimento das medidas de prevención sanitarias fronte á covid-19


Representantes da Administración encargaranse de regular o acceso aos locais para evitar aglomeracións, así como que se respecte a distancia de seguridade e o uso obrigatorio de máscara
A Xunta garantirá que nos 2.405 locais electorais de Galicia se cumpran este domingo as medidas preventivas en materia de saúde pública fronte á covid19 recollidas no protocolo elaborado polo Goberno galego. Hoxe realizouse no Pereiro do Aguiar unha demostración de como se desenvolverá a xornada electoral.
O próximo domingo en cada local haberá representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública.
Na entrada de todos os locais electorais haberá cartelería informativa para lembrar as medidas que se deben cumprir, e ademais estarán sinalizadas as zonas de acceso e os fluxos de entrada e saída no interior dos locais para evitar cruzamentos e a distancia de seguridade que se debe manter en todo momento.
Os representantes da Administración regularán o acceso e o aforo para evitar aglomeracións e colaborarán para dar prioridade ás persoas maiores ou con discapacidade e que poidan acceder directamente á zona de votación.
Ademais das medidas organizativas, ofrecerase o material de protección necesario. Así, será obrigatorio o uso da máscara por parte dos votantes e se non se trae da rúa facilitaráselles unha. Tamén haberá que hixienizar as mans con xel hidroalcohólico tanto no acceso ao local electoral como despois da votación.
As persoas integrantes da mesa electoral e os interventores e apoderados dos partidos políticos contarán cunha pantalla facial e con xel hidroalcohólico e máscaras para empregar toda a xornada. En ambos casos, na zona que ocupen o mobiliario estará colocado de maneira que se manteña a distancia de seguridade.
Cómpre lembrar que os electores deberán depositar antes de votar o seu DNI para identificarse nunha bandexa que haberá na mesa electoral e así reducir o contacto entre as persoas integrantes das mesas e os votantes. Ademais, a cabina de votación estará disposta de maneira que estea garantido o segredo ao voto pero sen que haxa que manipular as cortinas.
Por outra parte, intensificarase a ventilación e a limpeza e desinfección de todos os locais tanto antes como durante a xornada electoral para garantir a máxima protección.
Segunda inspección
Cómpre recordar que esta semana o equipo de 133 representantes da Administración para a coordinación e colaboración na adopción de medidas preventivas fronte á covid-19 están a realizar a segunda comprobación de todos os locais para comprobar que, unha vez colocado o mobiliario, a cartelería, os itinerarios de entrada e saída e as medidas de protección, seguen as pautas co protocolo. Xa na primeira quincena de xuño se realizara unha inspección previa, na que se garantiu que o 100% dos locais podían cumprir coas pautas de saúde pública.

Deja un comentario