+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O Concello do Grove agradécelles aos locais de lecer e de restauración o bo cumprimento das normas sanitarias


A primeira fin de semana do mes de xullo no Grove caracterizouse por unha elevada ocupación das praias, terrazas e restaurantes, pero mantendo as medidas de seguridade.
A pasada fin de semana o Concello do Grove recibiu unha afluencia de público sen precedentes nestas datas, xa que o número de persoas que estiveron nas praias da localidade chegou a cifras que son máis habituais da segunda quincena de xullo ou de agosto. A pesar diso, a fin de semana saldouse sen incidentes no relativo ao cumprimento das medidas de seguridade necesarias na nova normalidade, de tal xeito que non se produciron aglomeracións de persoas.
Amais das praias, onde se puido comprobar que a gran dispoñibilidade de espazo dos areais do Grove permite que tanto a veciñanza como as persoas que nos visitan se poidan distribuír sen provocaren acumulacións que non respecten a distancia de seguridade, outros puntos que se podían considerar problemáticos eran os locais de restauración e de lecer, nos cales tamén se puido comprobar que os responsables dos establecementos mantiveron controis con respecto á capacidade máxima permitida e á distancia entre a súa clientela. En todos os casos o control foi rigoroso á hora de non permitir o acceso aos locais sen máscara nin superar o número de persoas permitidas.
Así pois, o Concello do Grove quere agradecer o esforzo realizado polos profesionais do sector da hostalería e da restauración, así como polos veciños e veciñas, xa que está permitindo que o Grove cumpra o obxectivo de ser un destino tranquilo e seguro no que se poden realizar actividades de lecer con normalidade, pero tamén con garantías para a saúde.

Deja un comentario