+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

O concello da Lama decreta 3 días de loito oficial polo falecemento do seu ex alcalde e fillo adoptivo Manuel Rial González


A Corporación Municipal gardou un minuto do primeiro rexedor da Democracia na Lama, ordeou poñer as bandeiras a media asta e aprazou a sinatura dun convenio con Vicepresidencia da Xunta previsto para mañá

 

A Corporación Municipal do Concello da Lama reunida nun Pleno Extraordinario Urxente decidiu decretar tres días de loito oficial polo pasamento do ex alcalde Manuel Rial González, primeiro rexedor da democracia, que faleceu hoxe á idade de 84 anos. Estaba viuvo e ten dous fillos (Carlos e Víctor Manuel).

Os membros da Corporación gardaron un minuto de silencio na honra e en memoria de Manuel Rial e ordenaron aos operarios municipais que as bandeiras da fachada principal do Consistorio ondearan a media asta ao tempo que suspendían tódalas actividades oficiais. Así, o acto de sinatura do convenio con Vicepresidencia para a entrega dunha furgoneta de 9 prazas ao Concello da Lama para uso da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea previsto para mañá quedou aprazado.

Tódolos edís presentes da Corporación fixeron constar en acta o pesar polo falecemento de Manuel Rial e fixeron extensivas a familiares e amigos o pésame pola morte o primeiro rexedor da Democracia elixido durante a Transición Española.

As exequias fúnebres terán lugar mañá mércores 8 de xullo na igrexa de San Bartolomé de Seixido. O féretro, que será velado no Tanatorio da Lama (Sala nº 1), sairá ás 10:45 horas con destino á igrexa parroquial para despois do funeral ser soterrado no cemiterio municipal de Seixido.

A noticia do su falecemento foi recibida con consternación entre a cidadanía posto que Manuel Rial era moi querido e apreciado polos seus veciños polo seu talante e carácter afable ademais de ser moi valorado pola súa xestión ao fronte do Concello entre os anos 1979 e 1995, aínda que meses antes xa ocupara ese posto en substitución do alcalde Varela xa que fora tenente de alcalde no periodo preconstitucional.

Manuel Rial González, aínda que era natural da Escusa (Poio) tiña as súas raíces ben afincadas en Seixido onde casara mentras desempeñaba o seu oficio como axente forestal. Como consecuencia dos numerosos anos de adicación ao Concello da Lama e como servidor público, Manuel Rial foi declarado Fillo Adoptivo nun emotivo acto celebrado en maio de 2002 coincidindo coa Festa do Codillo.

Rial González, que enviuvara recentemente, ten dous fillos e deixa unha impronta no concello da Lama marcada pola súa afabilidade e proximidade aos seus veciños así como infinidade de obras de infraestrutura, traídas de auga, mellora de camiños rurais, cemiterios, a praia fluvial do Verdugo o pavillón municipal de deportes e o Monumento á Emigración, inaugurado polo presidente Fraga nas Ermidas. Durante o seu mandato xestouse a construción do Centro Penitenciario da Lama.

A última homenaxe que recibiu en vida Manuel Rial González foi a que lle rendiu o novo grupo de goberno do Concello da Lama, liderado polo seu sucesor Jorge Canda, e que serviu para presentarlle ao novo equipo encargado de dirixi-los designios políticos ao fronte do Concello ao que Manuel Rial adicou máis de 16 anos da súa vida.

Deja un comentario