+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

A Deputación de novo na vangarda do seu servizo de información sobre a covid-19 para o tecido económico da provincia


Preto de 200 empresas participaron nas primeiras webinars sobre o funcionamento dos ERTE e as axudas públicas á reactivación económica
A Deputación está a distribuír entre pemes e persoas autónomas e emprendedoras infografías con todas as medidas que as afectan e as axudas que poden solicitar

A Deputación de Pontevedra vólvese situar como unha administración pioneira co seu servizo de información práctica sobre as medidas e implicacións do coronavirus no tecido económico da provincia. Trátase dun programa posto en marcha pola institución provincial a raíz da COVID-19 que ten un dobre
obxectivo: por unha banda, centralizar a información sobre todas as axudas e demais iniciativas públicas das que se poden beneficiar tanto pequenas e medianas empresas como persoas autónomas e emprendedoras da provincia, así como da normativa que as afecta en canto ao desenvolvemento da súa actividade. Por outra banda, e principalmente a través da ferramenta dos webinars, estanse organizando periodicamente diversas xornadas informativas para aclarar moitas das dúbidas orixinadas entre o tecido empresarial desde o estalido da pandemia.
En canto á liña de información sobre medidas e outros aspectos, a Deputación comezou divulgando unha serie de infografías coas medidas e protocolos de prevención e hixiene en cada unha das fases da desescalada e na coñecida como “nova normalidade”. Elaboráronse materiais específicos para diversos
sectores do comercio, como son os salóns de peiteado, a hostalería e restauración, as actividades culturais, as actividades deportivas, e tamén piscinas recreativas e praias. Tamén recibiron información sobre como actuar coas persoas traballadoras consideradas especialmente sensibles.
Dentro desta mesma liña do servizo, as pemes e persoas autónomas e emprendedoras tamén están a ser informadas, de maneiras sinxela e directa, sobre as implicacións fiscais da COVID-19 (por exemplo, como tributan as axudas), as implicacións laborais (como os procedementos relativos aos ERTE
e a volta á actividade) ou as implicacións relativas a axudas a persoas autónomas (como a prestación por cesamento de actividade). Recentemente o equipo do servizo vén de elaborar unha serie de infografías sobre as axudas do Goberno estatal para o sector turístico.
Preto de 200 empresas nos webinar informativos
Os webinars impartidos polo servizo de información práctica sobre medidas e implicacións da COVID-19 para pemes e persoas autónomas da provincia están a ter unha moi boa acollida, de xeito que, das dúas sesións que tiveron lugar ata o momento, participaron representantes de preto de 200 empresas.
A primeira sesión organizouse o 18 de xuño baixo o título de “ERTE: Cuestións clave e implicacións legais”. Das persoas asistentes, arredor do 30% pertencía ao sector turístico e arredor do 15% a servizos profesionais, con presenza tamén de profesionais do sector comercio, a educación, o lecer ou persoal de recursos humanos. As cuestións que causaron maior interese foron as relativas ás prestacións para persoas autónomas, a previsión de estender os ERTE ata setembro, a posibilidade de manter en ERTE a persoas traballadoras xa reincorporadas ou as diferenzas entre os ERTE por forza
maior e os ERTE ETOP (por causas técnicas, económicas, organizativas e de produción). A segunda sesión deste luns 6 de xullo, sobre “Axudas públicas á reactivación”, foi impartida polo relator convidado Fernando Picón, socio director de OBZ Consulting. Nela, expuxéronse as claves para xestionar correctamente axudas e subvencións e o mapa de axudas dispoñibles, tanto as recorrentes como as directamente relacionadas coa COVID-19. De novo, o turismo foi un dos sectores que se sentiu máis atraído pola sesión, sendo un 15% do público total, aínda que desta volta foron superadas polos servizos profesionais (un 25%). Ademais, as 10 empresas beneficiarias da nova convocatoria da aceleradora de empresas do sector comercio tamén se deron cita na sesión telemática. Fernando Picón deu resposta a numerosas preguntas do público, como as relativas á necesidade que teñen as persoas
emprendedoras de xestionar e planificar que axudas van solicitar; cuestións relativas sobre onde poder rastrear e consultar as axudas publicadas (de aí a importancia do servizo de información centralizada posto en marcha pola Deputación de Pontevedra), e tamén se interesaron por se a crise sanitaria
afectará no futuro ás axudas recorrente e aos fondos europeos.

Deja un comentario