+034 986 09 02 04 Mércores 05 de Agosto de 2020

O Concello do Grove solicita que Educación non reduza o profesorado no CEIP Conmeniño


A Consellería comunicou a unificación da aula de primeiro e segundo ano de educación primaria, eliminando un docente deste nivel.
O alcalde do Grove remitiulle hoxe mesmo unha carta á Consellería de Educación na que solicita que esta entidade cambie os seus plans para o vindeiro curso con respecto ao CEIP Conmeniño. A idea é que nese centro se unifiquen as clases de primeiro e segundo ano de primaria, de tal xeito que os 14 nenos que acceden este ano e os 5 que deberían pasar a segundo ano estarían xuntos na mesma aula. Isto supón a eliminación dun docente e a perda (por ratio de alumnos) da figura do xefe de estudos, o que suporía un incremento do traballo administrativo da Dirección e da Secretaria do centro, ademais do empeoramento de ratios do colexio.
Dende o Concello do Grove queren unirse á demanda de docentes, pais e nais dese colexio ao entender que, a pesar de que a norma poida permitir realizar esa unificación, esta pretende aplicarse no peor momento posible. Na actual situación sanitaria a prioridade de cara ao vindeiro curso debería ser reducir o número de estudantes por aula, non aumentalo, tendo en conta as necesidades hixénico-sanitarias e de seguridade por riba dos datos “matemáticos”.
Ademais disto, non podemos perder de vista que a nosa rapazada leva máis de tres meses sen docencia presencial, polo que o vindeiro curso precisarán unha maior atención e reforzo para garantir unha correcta reincorporación ás aulas.
Por todo isto, dende o Concello do Grove reclámase que a Consellería non aplique esta medida e priorice a saúde, a seguridade e, por suposto, a boa calidade da educación das nosas cativas e cativos fronte a criterios económicos ou de organización.

Deja un comentario