+034 986 09 02 04 Venres 14 de Agosto de 2020

Alfonso Pexegueiro e Vanesa Sotelo presentan a versión teatralizada da Illa das Mulleres Loucas


A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a toda a cidadanía a participar na
presentación da versión teatralizada do libro de Alfonso Pexegueiro A Illa das Mulleres Loucas.
Editada polo Concello de Ponteareas a presentación será o sábado día 11 ás 19 horas no auditorio
municipal de Ponteareas. Todos e todas as interesadas deberán reservar praza no enderezo
electrónico departamentocultura@ponteareas.gal ou chamando ao número de teléfono 618 705 635.
Fernando Groba explica que é imprescindible reservar para poder participar xa que o aforo é limitado
e as novas normas de seguridade e distanciamento limitan o espazo dispoñible.
O escritor e poeta ponteareán, tamén pregoeiro da última edición das festas do Corpus, presentará a
versión teatralizada dos poemas desta obra na que o espazo mítico dunha illa lle servíu para iniciar
unha pescuda que o levou, a través dunha voz marcadamente feminina, a baleirar de sentido as
trampas da existencia. Acompañará ao autor a actriz e dramaturga Vanesa Sotelo. Cando se
publicou a obra orixinal no ano 2004, a editorial destacaba que se trataba dun poemario que provén e
se dirixe ao inconsciente, poesía que nos sacode e desacouga pero que tamén nos ofrece refuxio.
En A illa das mulleres loucas as fronteiras entre pasado, presente e futuro unifícanse. Amósase neste
libro unha nova dimensión do tempo, a da liberdade da palabra.
Fernando Groba explica que esta presentación se enmarca na programación da cuarta Feira do Libro
de Ponteareas que terá lugar dende o xoves ata o domingo e que traerá a Ponteareas aos escritores
e escritoras máis relevantes do actual panorama das letras en Galicia.
A versión teatralizada de A Illa das Mulleres Loucas forma parte da colección Creadores
Ponteareáns, unha iniciativa do Concello de Ponteareas que procura pór en valor o talento local e
promove a difusión da cultura, incidindo na lectura e na importancia tamén da escrita.

Deja un comentario