+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Unha trintena de novos alumnos de boxeo e karate levan a cabo no CGTD as sesión de primeiros auxilios do curso de adestradores deportivos nivel I


Unha semana despois de acoller as primeiras sesións prácticas do bloque común de adestradores deportivos nivel I que organiza o Centro Público Escola Galega do Deporte, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva volve acoller novas sesións de primeiros auxilios aplicadas á práctica deportiva, neste caso para 27 alumnos das federacións galegas de boxeo e karate. Cómpre salientar que a Escola Galega do Deporte foi reactivada a principios de xullo polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa tras preto de dez anos sen actividades formativas.
Os alumnos fórmanse nestas 10 horas de prácticas sobre a valoración inicial de accidentados, técnicas de soporte vital básico, protocolos de seguridade e primeiros auxilios.
Nas sesións matutinas, traballouse sobre a dinámica de accidente de autobús para triaxe, reanimación cardiopulmonar (RCP), manexo de desfibrilador e obstrución vía aérea. Mentres que nas sesións vespertinas estudáronse as lesións do aparato locomotor, práctica de vendaxes, contido do botiquín así como o resto de actuacións para tratar feridas, hemorraxias, asma, diabetes, queimaduras… Como é lóxico, estes cursos desenvólvense respectando as normas establecidas para a Covid-19 (máscaras, distancia de seguridade, xel…). O sábado 18 será a quenda dos alumnos de kickboxing, loita e taekwondo.
Bloque común de nivel I a distancia
A Escola Galega do Deporte, centro público da Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa UFEDEGA, promove e autoriza os ensinos deportivos no período transitorio que desenvolven as federacións deportivas galegas, conducentes á obtención do diploma de adestrador deportivo de Nivel I, II ou III do deporte correspondente.
Neste caso particular do bloque común de nivel I a distancia, o curso está deseñado para que en 5 semanas o alumnado, coa axuda dun profesor e utilizando esta plataforma virtual, consiga os coñecementos teórico-prácticos sobre os catro módulos de contidos: bases de comportamento deportivo (20 horas), primeiros auxilios (30 horas – 10 delas en sesións presenciais prácticas), actividade física adaptada e discapacidade (5 horas) e organización deportiva (5 horas).
En total, 107 deportistas galegos formaranse como adestradores deportivos de nivel I sen ningún tipo de custo, máis aló dos trámites burocráticos.

Deja un comentario