+034 986 09 02 04 Venres 14 de Agosto de 2020

Música e cinema na primeira semana da programación “Volvemos á rúa”


Xa se poden reservar as entradas en www.enterticket.es de forma gratuíta
Con tres eventos esta semana comeza a programación cultural do verán “Volvemos á rúa” en Tui.
O mércores, ás 21 h, na Praza de San Fernando ofrecerá o seu primeiro concerto deste verán a Banda de Música Popular de Tui baixo a dirección de Eloy Carrera Bernárdez. A banda tudense afunde as súas raíces a finais do século XIX e mantén unha actividade estable dende os anos 80’. Este mércores ofrecerá o primeiro dos catro concertos que brindará nesta programación. O aforo está limitado a 100 persoas.
O xoves, ás 21 h, no Paseo da Corredoira será a quenda de Píscore baixo a dirección de Fran Rei. Música, humor, ritmo e comedia xestual son os elementos de “Concerto Singular”, un espectáculo no que Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas dan vida a catro prestixiosos solistas, que son convocados para dar un único concerto. Ao seu dispor teñen 16 baquetas e unha soa marimba, que farán soar dun xeito orixinal e abraiante.
Xa o venres, ás 22.30 h, no Paseo Fluvial terá lugar a primeira das proxeccións de cinema ao aire libre. Será “Súper López” dirixida por Javier Ruiz Caldera e interpretada por Dani Rovira, Alexandra Jiménez, Julián López, Maribel Verdú, Pedro Casablanc, entre outros. O protagonista, Juan López, chegou á Terra dende o planeta Chitón. Non é sinxelo non destacar cando se pode voar, ler a mente, ter supervisión… Porén juan non precisa máis que un cruasán no almorzo para ser feliz, pero a aparición de Luisa, un antigo amor, pode facer cambiar as cousas.
Para o concerto da Banda de Música Popular de Tui e o espectáculo de Píscore o aforo está limitado a 100 persoas, e para o cinema a 300 espectadores. As entradas poden reservarse xa en www.enterticket.es de forma gratuíta.
Amais, esta fin de semana comezan os pasarrúas dos grupos folclóricos, de gaitas, de pandereteiras… Así o sábado dende ás 21 h actuará polas rúas de Tui o grupo folclórico Seixos Albos de Areas, e o domingo, á mesma hora, o grupo folclórico “Refaixos e Polainas” de Baldráns.

Deja un comentario